O PP recupera un 5% en Poio, onde o BNG remonta ata o quinto posto

A ultradereita logra o 10% dos apoios, Cs perde 812 votos e a abstención supera o 34%

Votacions en Poio
photo_camera Votacións en Poio. GONZALO GARCÍA

Atendendo á lista de partidos máis votados, Poio non se escapou á tónica xeral desta convocatoria electoral, rexistrando unha estrepitosa caída de Ciudadanos, un castigo nas urnas ao PSOE, a subida de dúas forzas de dereitas, PP e Vox.

A decisión máis destacable dos votantes de Poio foi a de volver confiar no Partido Popular, ao que castigaran coa baixada do 15% en termos porcentuais na anterior convocatoria de abril e que recuperou parte do pulso da cidadanía, crecendo en votos -2.996 fronte a 2.752 de abril- e en puntos porcentuais un 5%, grazas, en parte á baixa participación desta convocatoria.

Resultados de Poio

A segunda lista máis votada foi o PSOE, que si experimentou un retroceso nas urnas, pasando a rexistrar 2.421 votos -331 menos que na anterior ocasión-, pero sen sufrir demasiado en canto á representación sobre o total, onde ostenta, igual que en abril, un 27% do total.

En canto á terceira lista, segue sendo Unidas Podemos, que se deixou 281 votos no camiño. A franquía de Pablo Iglesias continúa en caída libre e sumou 1.097 votos fronte aos 1.378 de abril e os 1.776 de 2016. En canto a Cs, o seu fol desinflouse tamén en Poio, onde 812 electores deixaron de apoiar a esta formación. O resultado é que pasaron de 1.320 sufraxios en abril a 508 en novembro e un 5,7% da representación electoral. Isto permite que o BNG recupere o quinto posto do ranking electoral. A formación que ostenta a Alcaldía tivo un comportamento moi similar ao doutros municipios da comarca, experimentando un rédito positivo, que, aínda que resulte insuficiente no cómputo total, serviu para frear a caída do partido fronte aos emerxentes. No caso de Poio, o BNG obtivo 579 votos e un 6,49% da representación. Vox, pola súa banda, quedou co posto de cuarta lista ao sumar tres puntos e 219 sufraxios.

A participación en Poio caeu desde o 74,14% ata o 65,90% e rexistráronse 106 votos nulos (1,17%) e 85 en branco. En canto ás listas minoritarias Máis País obtivo un 1,9% con 176 votos.

A Lama: o PP repite como forza maioritaria e Vox duplica as súas papeletas
O PP volveu ser a forza máis votada e incluso subiu un punto (respecto ao 28A) ata solicitar o 47,79% das 1.234 papeletas depositadas onte nas urnas do municipio. O PSOE repetiu o seu segundo posto no podio, a pesar de baixar unhas décimas ata o 19,84%, e Vox reproduciu o ocorrido a nivel estatal, pasando do 5,29% de votos ao 10,33%. Unidas Podemos descendeu un punto (8,11%), BNG outro (ata o 5,08%) e Máis País irrompeu con 12 papeletas. O maior mancar foi para C's, que pasou do 10,79% ao 6,39%.

 

Campo Lameiro: PP, BNG e sobre todo Vox, as tres forzas que saen gañando no 10-N
A formación de Pablo Casado volveu cultivar a maior parte de votos (subindo do 40,86% ao 43,50%), mentres que o PSOE desinflou o seu segundo posto (pasando do 34,51% ao 32,09%). A gran escalada foi protagonizada por Vox, que pasou de ser a sexta forza máis votada á terceira, adiantando a Unidas Podemos ( 6,59%), BNG (5,12%) e C's (3,25%). Esta última reduciu ata a metade os seus apoios, nuns comicios nos que participaron 1.047 veciños. A abstención foi do 34,97%.

 

Soutomaior: Cs perde o 67% dos votos do 28A e cede o seu quinto posto a Abascal
A clasificación de forzas máis votadas non sufriu cambios nos postos máis altos, que foron para o PP (29,4%), PSOE (23,67%), BNG (17,16%) e Podemos (14,03%). Os grandes cambios foron obra dos votantes de Cs e Vox, que castigaron a Rivera cun 67% menos de votos (pasando de 406 a 134 papeletas) e que elevaron á forza de Abascal ao quinto posto (pasando de 209 a 352 votos, equivalentes ao 9%).

 

Cerdedo-Cotobade: O PP reforza o seu liderado, o PSOE mantense e VOX desbanca a C's
O PP consolidouse como forza máis votada, subindo dous puntos ata o 40,28% dos 3.453 votos emitidos. O PSOE mantívose na franxa do 32% e Unidas Podemos a pesar da fuga de 87 papeletas conservou o seu terceiro posto. A sorpresa deuna Vox, que desbancou a Cs (2,94%) do cuarto posto, tras subir do 4,67% dos votos ao 6,80%. O BNG pasou da sexta á quinta posición (5,77%). Máis País estreouse con 36 papeletas.

 

Vilaboa: o PSOE, lista máis votada de novo, e o BNG recupera o cuarto posto
En termos porcentuais a noticia do día en Vilaboa foi o ascenso de Vox (do 4 ao 7% e 219 votos) e a caída de Cs (do 8 ao 4% e 123 votos). O PSOE foi a primeira forza nuns xenerais por segunda vez a pesar de perder 207 votos e un 3% ( sumou 985 papeletas), adiantando a un PP que, con 885 votos ocupa o 29% da torta electoral. O BNG, que baixara ao quinto posto, volve ser cuarta forza, tras sumar 21 votos e dous puntos, por detrás de Podemos que recadou 358 votos.

 

Barro: perden papeletas todos os partidos, excepto Vox, que é a cuarta forza
En Barro todas as forzas perderon apoios salvo Vox e Máis País, que concorría por primeira vez. A caída da participación fai que, con menos votos (771 fronte a 812 de abril), o PP pase a ter o 39,2% de representación. Caen o PSOE desde 558 ata 490 votos; o BNG, desde 303 ata 245; Podemos, desde 183 a 134 e Cs queda en 108 votos fronte aos 216 de abril. Vox alcanza as 323 papeletas e o 10% e pasa a ser a cuarta forza.

 

Ponte Caldelas: Cidadáns e PSOE experimentan a maior fuga de votos
O ascenso da extrema dereita nutriuse coa fuga de papeletas das filas de Cs. En Ponte Caldelas, o partido laranxa pasou do 9,8% ao 3,6% e perdeu 216 votos, sumando 108. Con 306, o BNG incrementou en 12 votos e dous puntos o seu saldo e Vox, pasou do 5% ao 10% con 323 votos. O PSDEG perdeu 162 papeletas e deixa de ser a lista máis votada o que permite ao PP recuperar ese posto, a pesar de ter 959 votos (19 menos que en abril).

Comentarios