O PP volverá disputarlle a Díaz a Alcaldía de Ponte Caldelas coa baza de Antón Xil

 "Queremos devolverlle o protagonismo aos veciños e acabar co clientelismo", di o candidato
Antón Xil, no centro xunto a Luis López, tralo anuncio da súa candidatura. PP
photo_camera Antón Xil, no centro xunto a Luis López, tralo anuncio da súa candidatura. PP

Antón Xil repetirá como candidato do Partido Popular á Alcaldía da Ponte Caldelas nas eleccións municipais de maio. O voceiro local, arroupado polo presidente provincial, Luis López, e pola secretaria xeral do partido, Luisa Piñeiro, anunciou o mércores a súa candidatura tras conseguir o apoio unánime da xunta local do PP, segundo informou o partido nun comunicado.

"Defendemos un proxecto solvente que recupere a ilusión e a confianza da xente para atender as principais necesidades das persoas e familias e prepare ao noso concello de cara aos retos do futuro", afirma o candidato. "Cremos na cultura do esforzo, do traballo e da construción dun futuro esperanzador baseado nunha xestión seria e eficaz. Queremos deixar atrás un goberno personalista baseado nas ocurrencias e en políticas de promoción persoal que nos están condenando ao atraso, a un populismo de festas e paparotas que nos impide avanzar. Queremos devolverlle o protagonismo aos veciños e acabar co populismo,o clientelismo e o personalismo como modelos de goberno".

Pola súa parte, Luis López, destacou o "magnífico traballo" realizado nestes anos polo grupo municipal. "Antón demostrou o seu liderado, a súa capacidade e o seu sentidiño, algo que se bota en falta na xestión municipal. E construíu unha alternativa" sendo "un candidato consolidado, cun equipo moi amplo e comprometido e cun proxecto á altura do que necesitan os veciños". O PP lembra que nas últimas eleccións autonómicas logrou o 48% dos votos. Pero a porcentaxe nas municipais de 2019 fora do 24%.

Comentarios