Unha pranta no zapato da mamá, da irmá ou da avoa

Vilaboa acolle este xoves unha instalación efémera realizada polos alumnos do CRA
undefined
photo_camera Unha alumna do CRA Consuelo González prantando a súa suculenta. DP

O Concello de Vilaboa acolle un dos actos máis destacados do 25-N e non o protagonizarán os e as políticas, nin os colectivos feministas, senón que serán os nenos e nenas máis cativos en idade escolar deste municipio.

Trátase dunha instalación que se chamará Sempre vivas e que os nenos e nenas dos cinco centros do Colexio Rural Agrupado de Vilaboa, que son máis de 90, levan preparando algún tempo e que rematarán durante a mañá, na praza que hai diante do Concello.

A intervención inspírase na obra Zapatos rojos de Elina Chauvet, unha arquitecta e artista visual mexicana que iniciou unha intervención con 30 pares de zapatos vermellos en Ciudad Juárez como forma de denuncia contra os feminicidios, e como homenaxe á súa irmá, víctima dun deles.

En este colexio de Vilaboa, os zapatos foron escollidos por cada neno e nena. Eles tiñan o encargo de pedirllo á muller que máis lles importaba para poder pintalo de vermello no cole. "Trouxeron zapatos de nais, de avoas, pero tamén de irmás e de madriñas", explicou a directora do centro, Conchita Pérez, que destacou a naturalidade coa que, pese á curta idade de entre catro e seis anos, traballou este alumnado.

"Non tratar este tema sería ocultarlles unha realidade. Os nenos leron El chuvasquero de Aurora, un conto sobre unha nena cuxa nai padece maltrato, pero no que non hai nada explícito, e entenderon o simbolismo perfectamente", destaca a directora, que subliña a implicación do coordinador dos centros, o mestre tamén vilaboés Adrián Sotelo nesta iniciativa.

Os zapatos vermellos dos nenos vilaboeses levan dentro prantadas suculentas, tamén coñecidas co nome de sempre vivas. Os zapatos rojos de Vilaboa son unha intervención en clave positiva, un xardín efémero en homenaxe a nais, avoas, irmás e madriñas, "porque as queremos sempre vivas!", como ben di o lema da intervención.

Comentarios