Primeiras confirmacións do Armadiña Rock: La Quinkillada e Festicultores

O Concello de Poio, que se desvincula tamén das datas da Festa do Mar, deixa de ser patrocinador principal do evento, o que obriga a buscar financiación colaborativa cun crowdfunding
Quinkillada
photo_camera Integrantes da Quinkillada, que actuarán no Armadiña Rock 2024. D. P.

La Quinkillada e Festicultores serán dous dos grupos que compoñan o cartel do XV Armadiña Rock, na última fin de semana de xullo. Así o anunciou a organización nas últimas horas, primeiro nas súas redes sociais, nas que, ademais, colgou un amplo comunicado explicando as principais novidades deste festival, un dos máis reputados con música en lingua galega, que despois dun ano de descanso, tivo que facer axustes vinculados aos cambios que atopou no camiño, entre eles, o cambio de opinión do Concello de Poio, que pese a apoiar a iniciativa, deixa de ser patrocinador principal do festival.

A organización explica que "despois dun ano para coller folgos (...) o formato da XV edición do Festival sufrirá uns pequenos cambios, debido a diferentes coios que nos atopamos no camiño durante estes últimos meses", indican, de xeito que "ainda que o Concello de Poio continua a colaborar con nós, a decisión que tomaron da retirada do patrocinio principal e da saída da Festa do Mar afectounos negatívamente á hora de continuar co formato ao que estábamos adoitadas".

Con todo a asociación indica que se aposta por manter a programación ambiciosa, pero reducindo o número de datas. Así "manteranse as actuacións de sábado e domingo, mais o venres sufrirá unha redución na súa programación", para evitar problemas de escaseza de recursos.

Con todo, indican que "para sacarlle toda a parte positiva aos coios que nos estamos atopando, esa tarde-noite do 26 celebraremos a volta ás nosas orixes con tres grandes actuacións, que nos farán establecer un contacto man a man con todas as festivaleiras que estábades agardando a nosa volta".

Ademais, para manter a calidade e variedade da oferta, "este ano decidimos implementar un sistema de crowdfunding (recadación de fondos)", do que, de momento, non se desvelaron as vías.

A asociación aproveitou para "dar as grazas ás bandas e productoras participantes desta edición por arrimar o ombreiro, sen vós non poderíamos ter o cartelazo que presentaremos este ano.

Ás empresas de Poio e aos nosos patrocinadores e colaboradores, por un apoio imprescindible que este ano o será ainda máis. Ás persoas socias e voluntarias, que ano tras ano continuan a confiar nesta asociación e a crear o maior evento de Poio. E, por último, á nosa veciñanza, que sabendo o que supón ter nunha fin de semana 25.000 persoas na nosa vila, demostran un apoio incansable cara a asociación".

Comentarios