O primeiro festival reivindicativo de Vilaboa enche de música A Canteira das Lapas

Estrea exitosa do Canteira Fest, organizado pola mocidade de Vilaboa, cun programa no que non faltaron propostas durante toda a xornada e ata altas horas da madrugada

The Tetas Van no Canteira Fest. R FARIÑA
photo_camera The Tetas Van no Canteira Fest. R FARIÑA

O Canteira Fest, o festival reivindicativo e de lecer organizado pola mocidade de Vilaboa viviu onte a súa xornada de estrea con éxito de asistencia e, sobre, todo de organización, posto que o evento conseguiu encher de actividade a Canteira das Lapas de Paredes durante toda a xornada.

O festival, que fora presentado nos meses anteriores como un festival "todo friendly" fixo gala do anunciado e contou cunha tarde chea de actividades para os máis cativos, como un concerto de Migallas, ou unha festa da escuma na que un "dj" lle puxo ritmo aos xogos infantís.

The Lelli Kelly's, The Tetas Van e De Vacas foron os principais reclamos musicais desta cita na franxa nocturna

Noutra zona do recinto -un parque natural que se realizou fai unhas décadas nunha canteira de granito abandoada-, a media tarde iniciouse un coloquio sobre as mulleres e a creación artística no que estaba prevista a presenza de Isabel Risco, Tamara Andrés e outras creadoras como a intérprete María Costas ou a cantante Xulia María.

O festival tamén contou cun "punto violeta" para a prevención de condutas de acoso entre os asistentes, e con elementos singulares como mobiliario no que se podían acomodar os participantes, ou postos de comida para degustar no espazo e tamén de artesanía.

O Canteira Fest tivo unha faceta musical moi orixinal e esperada. Despois de varios domingos nos que diversos grupos e artistas locais actuaron en escenarios das propias parroquias para promover a participación, o cartel contou con dúas destas propostas para o "día grande". Así, Sheila Patricia e Os Meninos foron parte do elenco que actuou sobre o escenario da canteira na xornada do sábado.

A iso das 21.30 horas comezaron as actuacións das formacións con The Tetas Van como encargadas de abrir a sesión, mentres que De Vacas estiveron no escenario a partir das 23.00 horas. Ao termo actuaron Sondarúa, e a iso das 3.00 da madrugada a música pasou a ser cousa de The Lelli Kelly"s. Para cando esta actuación rematou un DJ encargouse dunha sesión que se extendeu ata que os participantes desexaron.

O Canteira Fest presentouse coa intención de ser un festival reivindicativo e feminista. No seu haber ten un logro máis importante: o de ser unha iniciativa colaborativa desenvolta pola mocidade. Nin produtores nin mediadores traballaron aquí: só un grupo de mozas e mozos que trataban de levar a festa un pouco máis alá "que a das típicas orquestras".

Comentarios