O Proxecto Vita formará a emprendedores de forma gratuíta en decembro

O programa de desenvolvemento consta de 20 prazas e se lle dará prioridade á veciñanza de Poio
Gregorio Agís. DP
photo_camera Gregorio Agís. DP

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo socialista, Gregorio Agís, informou que o Proxecto Vita é unha formación para persoas emprendedoras de Poio e procura, dunha forma totalmente gratuíta, "asentar as bases necesarias para o desenvolvemento dunha actividade sostible e eficiente, de maneira que se fomente a creación de novas oportunidades profesionais", sinala Agís.

A primeira sesión formativa será o vindeiro 20 de decembro, nas dependencias do Centro de Formación da Reiboa e finalizará no verán. O programa consta de 20 prazas e daráselle prioridade nas inscripcións á veciñanza de Poio. Todos aqueles interesados poderán anotarse enviando un correo electrónico a [email protected] ou chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1260).

Agís explica que o programa dividirase en diferentes fases, como son a implantación das bases do negocio online e a creación dunha marca, o desenrolo de visibilidade a través da aprendizaxe da escritura de artículos con nocións de SEO ou a resolución de dúbidas sobre o negocio de marca persoal mediante a creación de redes e conexións profesionais. As sesións estarán impartidas por Carla d"Pont, doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Vigo e que conta con máis de oito anos de experiencia internacional en comunicación e ventas e formación no campo dos negocios dixitais.

Segundo Agís, apostar por ferramentas que axuden a consolidar o crecemento da riqueza e da dinamización comercial, turística e empresarial en Poio é relevante xa que, segundo os datos da Oficina de orientación Laboral, "temos constancia de que cada vez máis xente aposta por emprender a súa propia aventura profesional ou dar vida a un negocio", explica.

Ademais o concelleiro indicou que este tipo de propostas estan pensadas para "que axuden a consolidar esas propostas, e facilitar a creación dunha rede de emprendedores e emprendedoras a nivel municipal que sempre pode resultar útil para as persoas que buscar emprego", expresa o edil de economía e urbanismo

Gregorio Agís tamén valorou os últimos datos correspondentes ao desemprego no municipio. Os datos deron como resultado que o mes de outubro rematou con 890 persoas en situación de desemprego. "Sen dúbida temos que seguir traballando para que, dentro das posibilidades que temos desde o Concello, poidamos seguir consolidando á tendencia á baixa en comparación cos últimos anos", apunta o edil do PSdeG-PSOE que salienta que «este ano é o primeiro en máis dunha década, no que estamos por debaixo dos 900 parados e paradas, o que sitúa a taxa nun 11%. O noso obxectivo é continuar reducíndoa e que Poio se siga a consolidar como un Concello dinámico e empresarial.

Comentarios