O PSdeG de Barro elixe a José Sanmartín como candidato

O socialista lembrou os tres anos e medio de cogoberno co BNG, nos que a súa formación apostou por municipalizar a feira

José Sanmartín. J.L. OUBIÑA
photo_camera José Sanmartín. J.L. OUBIÑA

A agrupación socialista de Barro escolleu o pasado luns ao seu secretario xeral como candidato á Alcaldía nas próximas eleccións municipais.

O actual primeiro tenente de alcalde, José Sanmartín, foi elexido por aclamación na asemblea extraordinaria celebrada no Centro Cívico Castor Castro, convocada despois de abrir un prazo para a presentación de candidaturas.

O obxectivo que se fixa o socialista é o de chegar á Alcaldía para poder imprimirlle un carácter máis social ao mandato

Durante a súa intervención ante a militancia, José Sanmartín destacou o traballo realizado polo grupo socialista dentro do Goberno municipal durante estes catro anos de mandato e insistiu no esforzo feito para acadar case a totalidade dos compromisos adquiridos no programa electoral de 2015.

Sanmartín relatou as dificultades e o empeño necesarios para acadar a xestión municipal do mercadiño, cuxos ingresos, que ascenden a uns 60.000 euros anuais, están a reinvertirse en melloras para os veciños.

Así mesmo, o tenente de alcalde incidiu na importancia do Plan Concellos da Deputación, que permitiu numerosas actuacións en saneamento, viais, alumeado, parques e novas instalacións como a piscina municipal, que estará rematada nos vindeiros meses.

Sanmartín tamén abandeirou os traballos para a implantación da compostaxe no concello, así como a loita contra a proliferación da vespa velutina, algo que acabou canalizando cara o traballo como voluntario.

Ademais, no plano orgánico, o candidato socialista fixo un balance positivo dos sete anos que leva á fronte da agrupación, cun crecemento continuo tanto en militantes como en apoio electoral, lembrando que na última cita municipal só 23 votos lle impediron acadar o terceiro concelleiro.

De cara as próximas eleccións, o obxectivo é encabezar o Goberno municipal para poder seguir transformando Barro dende unha perspectiva social.

Comentarios