O punto limpo de Ponte Caldelas pasará a ser a base dos vehículos do lixo

É unha das esixencias do novo contrato de concesión do servizo de recollida que o Concello leva redactando case dous anos
2020101914064265897
photo_camera Exterior do Punto Limpo de Ponte Caldelas, no polígono da Reigosa. DP

O punto limpo de Ponte Caldelas pasará a funcionar como base de operacións para o Servizo de Recollida do Lixo e será a lanzadeira e aparcadoiro dos vehículos do servizo. A instalación, situada no Polígono da Reigosa, estará xestionada pola empresa concesionaria do servizo e as condicións de uso serán custodiadas pola mesma, atendendo ao que explicite o Concello.

A novidade forma parte da lista de detalles desvelada recentemente pola Alcaldía, ao anunciar que as bases do novo contrato do servizo están case listas para a convocatoria do concurso público de adxudicación. A actual empresa tiña dez anos de concesión e acumula xa dúas renovacións por un ano, debido ao proceso de redacción das novas bases.

Entre outras novidades, ademais das condicións de uso dun punto limpo, hai varios elementos que serán novos. Un deles, a compostaxe. Despois de que no seu primeiro mandato, Díaz non incluíse o Concello en ningún programa (provincial ou estatal para favorecer a compostaxe), nesta andaina o Concello quere que a empresa que se faga co servizo se implique coa reciclaxe de orgánicos.

Así, esixirase un composteiro comunitario e, polo menos, 150 composteiros individuais para entregar aos veciños. Tamén se esixen colectores novos para todo o termo e xeolocalización nos elementos para controlar o baleirado e limpeza. Ademais, habería unha cláusula de penalización por incumprimentos en materia de limpeza e recollidas.

No aspecto laboral, esixirase a subrogación dos contratos existentes cun salario bruto de 1.200 euros e un contrato por 5 anos para manter a actual maquinaria.

Comentarios