A Raxofesta volve a Barro para dinamizar a hostelería local e axudarlle ao fútbol base

O evento gastronómico pensado para recadar fondos para o clube de fútbol da localidade quere priorizar as degustacións de pratos nos establecementos do municipio para apoiar deste xeito a un dos sectores económicos golpeados pola pandemia
A cita desenvolveuse no Pavillón Municipal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - RaxoFesta
photo_camera A cita desenvolveuse no Pavillón Municipal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O municipio de Barro prepárase para vivir a sexta edición da súa Raxofesta e a cita terá este ano máis ca nunca, moito que ver coa hostalería. O evento gastronómico pensado para recadar fondos para o clube de fútbol de Barro quere priorizar as degustacións de pratos nos establecementos do municipio para apoiar deste xeito a un dos sectores económicos golpeados pola pandemia.

A Raxofesta celebrarase os días 6, 7 e 8 de decembro coa participación dun total de doce locais de hostalería que ofrecerán diferentes elaboracións do raxo con prezos que oscilarán, pero que partirán dos tres euros.

"Nesta ocasión, como contraprestación o clube recibe un euro por cada ración consumida. Ademais, en cada local realizarase un sorteo con vales compra e agasallos doados por distintos establecementos do municipio", indicou o presidente do Barro C.F, Jose Sanmartín.

O evento tamén animará as rúas da localidade con música para acadar así un maior brillo na xornada de enxalzamento do fútbol local. Así, o día 6 terá lugar un pasarrúas polos locais de hostelería a partir das 19 horas a cargo de Amigos da Música e o día 8 amenizará os establecementos a Charanga Mil9 dende as 11.00 horas.

"Este ano contamos coa colaboración do actor Federico Pérez, que dende o primeiro momento se mostrou disposto a promocionar a festa a través dun vídeo grabado por el mesmo que xa se pode ver nas redes sociais, polo que queremos trasladarlle públicamente o noso agradecemento", engadiu Sanmartín na presentación do evento.

Os locais participantes son: Café Bar A Lareira, Bar Plaza A Cociña de Sergio, Taberna Moderna Outro Aire, Taberna O Labrego, Furancho Eira D"arriba, Taberna O Breixo, Casa Meli, Taberna o Muiño de Valerio, Taberna A de Rey, Restaurante O Samartín, Restaurante Abuelo Pintos e Furancho O burato do Grilo.

Paralelamente á RaxoFesta, o Barro CF celebra os Campionatos Interparroquiais Masculino, Feminino e Miudo Mixto como un xeito de reunir á veciñanza sobor da actividade deportiva do clube.

As competicións desenvolveranse o 6 e o 8 de decembro, no caso do Masculino e Feminino, e o 26 de decembro no caso do Miudo, no Campo de Outeiro.

Comentarios