Reguera conservará o seu soldo do último mandato: 44.294 euros brutos ao ano

O Concello de Soutomaior acolleu o Pleno de organización do Goberno, que terá cinco comisións informativas diferentes

Agustín Reguera. DAVID FREIRE
photo_camera Agustín Reguera. DAVID FREIRE

A Corporación municipal de Soutomaior celebrou o primeiro pleno do mandato tras as eleccións do pasado 26 de maio. A sesión tiña como obxectivo designar os integrantes das diferentes comisións informativas permanentes, así como a comisión de Goberno e as retribucións dos participantes nas mesmas.

Na citada sesión, o Pleno acordou a creación de cinco comisións informativas diferentes: Obras, Urbanismo, Servizos e Medio Ambiente; Xuventude, Cultura e Participación Veciñal; Réxime Interior e Persoal; Igualdade, Benestar Social, Educación e Sanidade, e unha última destinada a Control do Tráfico no municipio.Todas as comisións contarán con sete representantes designados baixo o sistema de voto ponderado, polo que haberá un total de catro membros do Partido Popular e tres do Bloque Nacionalista Galego.

No relativo ás retribucións dos novos edís, a Corporación aprobou unha contía de 75 euros por asistencia ao pleno por representante, a mesma que se destina aos membros da Comisión de Goberno.

No caso da participación nas comisións informativas, a retribución é de 50 euros. "Somos un concello moderado no gasto e por iso as retribucións están na zona baixa en relación ao resto de concellos da provincia", explicou o alcalde, Agustín Reguera, que indicou que el tamén seguirá co mesmo soldo que o mandato anterior.

O salario do rexedor, deste xeito, manterase nos 44.294 euros brutos ao ano distribuídos en 14 pagas.

Do mesmo xeito, o pleno designou como representante da Corporación nos consellos escolares dos centros educativos do municipio á edil de educación, Fátima Vidal, que "continuará exercendo esta función tras os bos resultados obtidos nesta área nos últimos anos", destacou Reguera.

Para rematar, a Corporación municipal tamén acordou a periodicidade na celebración dos plenos ordinarios que, de acordo á lei, celebraranse cada último xoves dos meses alternos á unha do mediodía, ademais da constitución dos grupos políticos da corporación e os seus vogais. Neste sentido, o popular Ramón Fernández asumirá as funcións de tenente alcalde ademais das de vogal do Partido Popular. O candidato nacionalista, Manu Lourenzo, será o vogal do BNG na corporación municipal.

Reguera non desvelou a repartición de áreas que se realizará neste mandato, aínda que si se sabe que non acumulará as atribucións no seu cargo, senón que compartirá funcións e responsabilidades cos seus sete compañeiros e compañeiras do mandato. Á súa vez, tampouco se aclarou se a dedicación exclusiva do alcalde será a única ou se haberá unha dedicación parcial.

Comentarios