A residencia xeriátrica de Cerdedo suma 46 prazas á Rede de Coidados a Maiores

O presidente da Xunta de Galicia, acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, inaugurou a ampliación das instalacións que funcionarán a finais de ano
Luís López, Fabiola García, Alfonso Rueda e Jorge Cubela na inauguración da residencia. ANXO LORENZO
photo_camera Luís López, Fabiola García, Alfonso Rueda e Jorge Cubela na inauguración da residencia. ANXO LORENZO

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, inaugurou onte a ampliación da residencia de maiores de Cerdedo. O dirixente "popular" destacou que as instalacións xeriátricas suman 46 novas prazas á Rede de Coidados a Persoas Maiores de Galicia .

A apertura deste centro, no que a Administración galega aportou un investimento de 2 millóns de euros, está prevista para finais de ano. Estas dependencias, xunto coas de outros centros do municipio, sumarán un total de 64 prazas públicas de atención residencial e 30 de atención diurna.

Segundo indicou o titular do Goberno galego, os novos servizos para maiores da localidade vánse incorporar ás 13.000 prazas públicas de residencias existentes na comunidade autónoma. Tamén destacou o compromiso da Xunta co benestar dos maiores, nunha xornada na que o Goberno galego aprobou o teito de gasto para o exercicio de 2023 por 12.599 millóns de euros.

Estas dependencias sumarán un total de 64 prazas públicas de atención residencial e 30 de atención diurna

Rueda incidiu na responsabilidade á hora de empregar os "recursos de todos" a proxectos que, segundo dixo, "pagan a pena".

"Toda a xente que traballou durante toda a súa vida, que achegou e se esforzou para que os seus fillos tiveran unha vida mellor, merecen coidados e servizos de primeiro nivel, como o que acabo de visitar", declarou o presidente.

Ademais, recordou que xunto coa habilitación de prazas de residencias públicas hai outros servizos habilitados para aqueles que prefiren seguir vivindo nas súas casas, como o Servizo de Axuda no Fogar, do que preto de 25.000 persoas reciben coidados profesionais nas súas casas. Tamén as Casas do Maior que contan con 500 prazas e o programa de Coidados Porta a Porta, que ofrece atención a 11.000 usuarios fóra das cidades galegas.

PSOE. A voceira do PSOE de Cerdedo-Cotobade, Lina Garrido, indicou que no discurso pronunciado polo presidente da Xunta "non se clarificou o tipo de xestión baixo o que vai desenvoler a súa actividade. A día de hoxe -engadiu- non se sabe se o centro vai ser de xestión pública ou privada". Segundo informou Garrido, "dito centro leva rematado e co seu equipamento dende novembro do ano 2021 e cunha lista de 1.500 persoas en Galicia esperando por unha praza". Ademais, salientou que "a veciñanza esperaba que no día de hoxe o alcalde e o presidente solventaran as dúbidas respecto á titularidade da xestión que ía ter este servizo".

comentarios