Un enxame sísmico sacode a contorna de Pontevedra

Ponte Caldelas foi, con diferenza, a zona máis afectada polos terremotos

Ponte Caldelas terremotos
photo_camera Mapa da actividade sísmica

A comarca de Pontevedra e moi particularmente o Concello de Ponte Caldelas, acaban de pechar un curioso episodio sísmico que deixou un total de 32 terremotos de baixa ou moi baixa intensidade no lapso de 11 horas. O fenómeno –que podería corresponderse cun enxame sísmico–, iniciouse sobre as 16.36 horas deste martes, momento en que se producía un pequeno sismo de intensidade 2,6 na contorna de Ponte Caldelas. A partir de aí fóronse xerando máis movementos, en lapsos de media hora ou 20 minutos, que presentaban distintas intensidades. O máis forte deles, de magnitude 3,1 reflíctese no mapa do IGN en terreos do Norte do territorio caldelano, aínda que a icona aparece practicamente sobre o núcleo da Chan, Carballedo (Cerdedo-Cotobade).

Este sismo, rexistrado ás 20.30 horas produciuse a 11 quilómetros de profundidade e, contra o que puidese parecer, non era o desencadenamento do fenómeno, nin moito menos o final. Estivo precedido de cinco tremores e, despois chegaron outros 27, que se prolongaron ata as 3.51 horas da madrugada.

Entre as zonas onde sentiu o mais forte dos tremores figuran Rebordelo, Anafáns, A Laxe, Pontevedra cidade, e lugares tan distantes como Nespereira e Ramallosa

A curiosa concentración de terremotos, deixou un saldo de 32 tremores, dos cales 16 eran de magnitude 2 ou inferiores, e a outra metade tivo picos de ata 2,7. Do total, tres se sitúan fóra dos lindes de Ponte Caldelas. Dous deles en Pontevedra e outro máis en Vilaboa, próximo ao Toural.

A pesar da abundancia, os movementos sísmicos, apenas foron percibidos polos veciños das localidades afectadas, segundo fontes locais. Só na xornada do mércores o IGN engadiu aos seus datos sobre estes tremores os rexistros de intensidades con achegas recollidas nas últimas horas entre pesonas que comunicaron sentir algún dos movementos. Estas achegas permitiron catalogar os dous sismos máis fortes, o de 3,1 graos e o de 2,5 producido ás 02.52 horas, como terremotos de intensidade II e II-III. é dicir, unha sacudida sentida por poucas persoas, en condicións especiais e que provoca abalos e oscilacións apenas perceptibles.

Entre as zonas onde sentiu o máis forte dos tremores figuran Rebordelo, (Ponte Caldelas), Anafáns (Poio), A Laxe (Marín), Pontevedra cidade, e lugares tan distantes como Nespereira (Pazos de Borbén) e Ramallosa (Celanova).
 

Comentarios