O saneamento de Paraños realizarase a través dun humidal

Cerdedo-Cotobade anima a darse de alta no servizo para eliminar focos de contaminación
El nuevo humedal de la depuradora de Paraños. D.P.
photo_camera O novo humidal da depuradora de Paraños. D.P.

O lugar de Paraños, na parroquia de Carballedo, súmase á lista de aldeas do concello de Cerdedo-Cotobade con dotación de saneamento e, neste caso, mediante o método ecolóxico de depuración cun humidal. O Concello informou da posta en marcha do humidal, que permitirá conectar ao servizo distintas zonas, de modo que se eliminarán varios focos contaminantes de augas residuais que ata o momento carecían de depuración.

Para conectarse, os veciños do lugar de Paraños deberán solicitar a conexión á rede municipal de sumidoiros nas oficinas municipais. O trámite significa que hai que facer unha comunicación previa ao Concello, asumir os traballos de conexión e o abono da taxa correspondente.

Unha vez concluído este proceso, os servizos municipais procederán á comprobación da conexión de cada vivenda á rede municipal de modo que se poderá iniciar o expediente correspondente daqueles inmobles que non estean conectados de xeito legal.

O Concello fará unha inspección técnica, unha vez implementado o servizo, para detectar os casos de conexións ilegais

O alcalde, Jorge Cubela, insistiu na necesidade de que todas as vivendas déanse de alta na rede de sumidoiros "porque deste xeito contribuiremos de xeito solidario e colectivo a resolver un problema de contaminación no rural ao tempo que se lle dá o uso esperado ás infraestrutura de saneamento que pon en marcha o Concello. É mellor que todo o mundo colabore e evitar así que os servizos municipais teñan que facer inspeccións e abrir expedientes a aqueles veciños que incumpran a obriga de conectarse á rede de sumidoiros".

Tal e como apunta o Concello os humidais artificiais, como o que entrará en funcionamento en Paraños, son sistemas de depuración nos que se reproducen os procesos de redución de contaminantes que teñen lugar nos pantanales naturais.

Estas plantacións pertencen ás denominadas tecnoloxías non convencionais, ou de baixo consumo de tratamento de auga residual que se están implantando en numerosos municipios de España e son unha opción para municipios e pequenas poboacións cun número de habitantes limitado, nunca superior a 2.000 persoas.

A idea fundamental é que carbono, fósforo e outros metais pesados queden inmobilizados no sedimento do humidal de xeito permanente.

O seu funcionamento é similar a un espazo natural. Estes humidais artificiais depuran a auga filtrando os refugallos nun espazo reducido e controlado a través da fixación da biopelícula bacteriana que intercede na eliminación de contaminantes orgánicos das augas residuais.

O sistema, ademais de ser o máis ecolóxico dos implementados na actualidade pola Xunta, é o que ten maior eficiencia en canto a custos, posto que xera menos gasto enerxético e abarata o mantemento da instalación. En Tenorio, o Concello conta con outro sistema de depuración baseado tamén nun humidal.

Comentarios