Sanidade asume a necesidade dun centro de saúde novo en Barro

Os técnicos da Consellería farán unha visita para avaliar a idoneidade dos terreos reservados polo concello
Centro de saúde de Barro. GOOGLE MAPS
photo_camera Centro de saúde de Barro. GOOGLE MAPS

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mantivo unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da área sanitaria, Jose Ramón Gómez, na que os representantes da Consellería manifestaron que compartían co alcalde a necesidade de construír un novo centro de saúde en Barro.

O actual centro de saúde de Barro xa ten máis de catro décadas de existencia e, tal e como defende Abral desde a súa chegada á Alcaldía, polas súas características de construción xa non reúne as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade á veciñanza.

Por este motivo, desde que o rexedor tomou posesión da Alcaldía no ano 2015 leva feito xestións diante de diversos representantes da Consellería para conseguir a construción dun novo consultorio médico, pois as malas condicións do existente non permiten facer actuacións parciais e os proxectos non acabarían de dar coa reforma integral precisa para acoller toda a carta de servizos que actualmenete presta o Sergas nos centros de Atención Primaria.

Tanto o conselleiro como xerente da área sanitaria coincidiron con esa opinión do alcalde e confirmáronlle que a construción dun novo centro de saúde está na axenda da Consellería de Sanidade.

Para dar pasos de cara a poder elaborar o proxecto dese novo equipamento o conselleiro comprometeuse a que nas próximas semanas os técnicos da Consellería farán unha visita a Barro para avaliar sobre o terreo a idoneidade dos terreos reservados polo concello no ano 2014 para esta finalidade.

O alcalde solicitara recentemente esta reunión, unha vez que a situación sanitaria coa resposta á pandemia causada pola covid-19 parecía un pouco máis tranquila e agradeceulle ao conselleiro a prontitude coa que se puido celebrar a mesma.

Á súa vez, o alcalde amósase satisfeito de comprobar que as autoridades sanitarias comparten a opinión do Goberno local sobre a necesidade de construír unha nova edificación coa que se poida dar resposta ás necesidades actuais da poboación para prestar unha atención sanitaria de calidade no concello.

Comentarios