Seaga revisará as franxas contra o lume de seis lugares de Ponte Caldelas

O Concello recorda a obrigación de ter limpas as leiras baixo risco de sanción
O incendio de Barbudo, no momento en que se achegou a Anceu, a noite do 4 de setembro de 2013. RAFA FARIÑA
photo_camera O incendio de Barbudo, no momento en que se achegou a Anceu, a noite do 4 de setembro de 2013. RAFA FARIÑA

Fronte á baixa actividade de loita contra os incendios que foi necesaria no que vai de tempada de incendios (debido sobre todo á climatoloxía adversa), os traballos de prevención están a ser este ano máis visibles que nunca na comarca. Un exemplo diso é Ponte Caldelas, un municipio onde, ademais de iniciar un proceso de limpeza de terreos pola vía subsidiaria que superará as 300 parcelas, Seaga, a empresa pública da Xunta completa esta semana novas revisións a outros seis núcleos (o perímetro de Ponte Caldelas e outras cinco parroquias) para comprobar que todas as leiras situadas nas franxas de protección contra o lume están limpas e libres de arboledo (eucalipto, piñeiro e acacia) como así o esixe a normativa.

Do mesmo xeito que sucedeu co traballo xa iniciado por esta mesma entidade nas parroquias de Barbudo e Anceu e o lugar de A Esfarrapada, nos casos nos que as leiras non cumpran esta condición, os titulares recibirán unha notificación instándolles a limpar a parcela baixo o risco de que sexa esta empresa a que inicie, en caso contrario, o traballo será realizado por Seaga e cobrarase subsidiariamente o custo aos titulares.

No caso de que se trate de parcelas nas que o titular é descoñecido, o trámite desenvolverase notificando a situación no BOE e o Diario Oficial de Galicia, de modo previo á execución das limpezas. Estas actuacións levan unha sanción que, en caso de superar o valor catastral do inmoble, permitirían á Xunta facerse cos terreos e incorporalos ao Banco de Terras.

Os núcleos nos que actuarán os técnicos da empresa pública son os de Xustáns, Tourón, Ponte Caldelas, Caritel, A Insua, Forzáns e Taboadelo. O traballo é froito dun convenio entre o Concello, a Fegamp e a Xunta para implementar a limpeza das franxas de protección nos concellos galegos e o alcalde advertiu aos veciños da situación cun bando informativo. En Barbudo e Anceu, realizouse esta mesma inspección en maio ao ser parroquias de alto risco de incendios.

Comentarios