O segundo Plan de Mellora de Camiños de Cerdedo-Cotobade contará con 35.000 euros

Jorge Cubela. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade. OLGA FERNÁNDEZ

O Concello de Cerdedo-Cotobade ultima os detalles do segundo Plan de Mellora de Camiños Municipais de 2020, que se acometerá no territorio de Cerdedo e afectará ás parroquias de Figueroa, Tomonde e Folgoso dando continuidade ás obras realizadas noutros puntos desta contorna nos primeiros meses deste exercicio.

Esta nova actuación, que contará con case 35.000 euros e que se financiará con fondos do Plan Concellos da Deputación, permitirá mellorar vías nos lugares de Vilar (Figueroa), Fraguas (Tomonde) e Outeiro (Folgoso) e inclúe a dotación de nova pavimentación nun total de 18 tramos das súas vías públicas, que teñen o firme deteriorado.

O plan contempla que todos as vías sexan obxecto dunha limpeza nas súas marxes e, unha vez retirada a maleza, unha actuación nas tajeas para evitar problemas de escorrentías na época chuviosa.

Como en anteriores actuacións, o plan contempla a dotación de bases de zahorra artificial, así como de formigón con malla metálica para completar o proceso de compactación da nova capa de rodaxe, así como a apertura de caixas e o recrecido de tapas de rexistro para evitar que queden afundidas con respecto ao firme.

Esta actuación xa está configurada e o proxecto, xa redactado, está pendente de formalizar a súa contratación, de modo que podería acometerse nas próximas semanas. A folla de ruta desta obra pasa por aproveitar as primeiras semanas do verán para que os traballos non se vexan interrompidos polo mal tempo.

A primeira actuación deste ano no Plan de Mellora de Camiños , afectou a vías da parroquia de Viascón, coa mellora da conexión de Cabanelas a Tenorio á que se dedicaron uns 50.000 euros de fondos da Xunta.

Comentarios