As sinais 'disuasorias' de aparcadoiro de Beiramar están en terreo privado

Os residentes saen así ao paso da polémica xurdida por mor dunha pregunta formulada polo PP, na que esixiu ao tripartito que explicase a situación destes paneis

Vecinos da Rúa Beiramar, situada no núcleo da localidade de Campelo, aclararon este xoves que a zona na que recentemente se instalou un pivote, así como sinais de prohibición para estacionar, non se trata de parte da vía pública, senón que é un espazo de titularidade privada. Os residentes saen así ao paso da polémica xurdida por mor dunha pregunta formulada polo Partido Popular durante a última Comisión de Urbanismo, na que esixiu ao tripartito que explicase a situación destes paneis. 

Tal e como reza un escrito enviado polos propietarios, o lugar no que se insta a non aparcar "nunca foi de dominio público, posto que en ningún momento se realizou cesión ou expropiación algunha", algo que se desprende da documentación achegada tanto polo Concello de Poio como pola Deputación a petición dos veciños desta zona da Rúa Beiramar. Deste xeito, os responsables deste espazo non están obrigados a permitir que vehículos doutros particulares estacionen alí. Neste sentido, no documento explícase que, en ocasións, algúns destes turismos permanecían alí estacionados durante varias semanas. 

Segundo denuncian os propietarios, neste espazo tamén se sitúan uns colectores de lixo, que, deste xeito, atópanse nun terreo de titularidade privada. Os afectados xa se puxeron en contacto coa Administración municipal para requirirlles que os recipientes sexan trasladados.

Comentarios