Solidariedade e desolación na zona cero de Poio

Familias enteiras permanecen confinadas en Campelo, mentres que a afluencia aos comercios "caeu dende o luns"
Un ciclista atravesaba onte as rúas de Campelo, totalmente baleiras. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un ciclista atravesaba este martes as rúas de Campelo, totalmente baleiras. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A imaxe de Poio é a dun concello cauteloso, illado polo "medo" que nos últimos días medrou ao ritmo dos contaxios, e que nas zonas cero da pandemia no municipio deixa ver estampas desoladoras coma a que amosaba este martes un Campelo totalmente deserto de vida nas rúas, baixo unha intensa choiva. Neste lugar poiense, no que familias enteiras permanecen confinadas a causa do covid-19, a situación é sensiblemente diferente á doutras zonas coma Lourido onde, aproveitando os poucos raios de sol que saíron esta semana, aínda houbo quen se animou a camiñar polo paseo.

O hermetismo obrigado entre os residentes de Campelo espertou, tamén, a solidariedade veciñal, e a pouca vida que se pode ver nas rúas estes días é un ir e vir de provisións para o fogar, de cando en vez. "Eu voulles levar algunhas cousas cando precisan, porque teño coñecidos en Campelo, e alí hai familias enteiras que non poden saír da casa", conta Josefa Moreira, veciña de Lourido, e tamén presidenta da Asociación de Veciños de Lourido. Neste lugar poiense, que suspendeu toda actividade entre a famosa petanca do paseo ou a ximnasia, os veciños "sabemos uns dos outros por teléfono. Agora non podemos facer nada. Ás veces algúns de nós e tamén xente que non é de Lourido imos andar polo paseo, pero moi pouco, nada que ver con antes. Todo o mundo está sendo moi prudente", asegura.

En Lourido son dous os fogares que se atopan confinados nestes momentos e, segundo lle consta á Asociación de Veciños, "pertencen á mesma familia, que trouxeron o virus de Montecelo". A pesar disto, a situación "non ten nada que ver con Campelo". Nas últimas horas déronse a coñecer públicamente máis casos de confinamentos no municipio, tanto de familias como de establecementos, como é o caso de Pandemillo, en San Xoán, que anunciou recentemente o peche de portas tras detectarse un positivo.

COMPRAS. Nas tendas de barrio e supermercados, son moitos os que aproveitan as horas "de menos afluencia" para aventurarse a ir á compra. Outras familias decidiron pasarse directamente á modalidade online, e así evitar ao máximo o contacto co exterior. "A xente está asustada. Antes o virus víase máis de lonxe, pero agora estamos vendo que son familias enteiras as que caen", afirma Moreira.

Nos lugares máis rurais do concello, como é o caso de Fragamoreira, a veciñanza de maior idade tamén permanece illada. "A min vaime facer a compra o meu fillo, e non saio para nada. Como moito, da horta á casa", asegura unha veciña da zona.

Os diferentes establecementos comerciais rexistraron unha caída na afluencia de clientela que se vén intensificando desde este luns, conforme a veciñanza percibe o empeoramento da situación. Pola contra, "aumentaron as chamadas telefónicas". Así o explica o propietario do establecemento de electrodomésticos Aral Tien 21 e tesoureiro da Asociación de Empresarios EnPoio, Arsenio Pedre, quen confía en que a modalidade telefónica se manteña nos próximos días. "Vén menos xente pero chaman máis. Agora, en vez de pasar por aquí para preguntar unha dúbida chámannos directamente por teléfono. E incluso fan as compras deste xeito. Preguntan, nós asesorámolos e levámoslle o electrodoméstico á casa", explica. "Polo ben de todos agardamos que continúen chamando. Agora pechamos a tenda ás 18.00 horas, pero se alguén ten algunha urxencia seguimos collendo o teléfono, e dámoslle as facilidades posibles para que non se teñan que desprazar", di.

Comentarios