Soutomaior retirou máis de 130 niños de velutina este verán

A iniciativa completouse con varias campañas de trampeo e concienciación entre os veciños
Nidos de velutina retirados. DP
photo_camera Niños de velutina retirados. DP

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, fixo balance da retirada dos datos levada a cabo polo Concello de Soutomaior durante os meses de verán. Segundo indicou o edil, retiráronse 130 niños en todo o municipio e en practicamente todos os lugares. 

A iniciativa completouse con varias campañas de trampeo e concienciación entre os veciños. Os traballos de retirada dos niños realizáronse por diversos medios, dependendo da localización do niño e da dificultade para o seu acceso. Os máis comúns retiráronse con medios propios do Concello e grazas ao grupo de apicultores voluntarios que colaboran co consistorio na campaña contra a velutina e un propietario dunha tenda agrícola de Arcade. 

Para retirar os niños que se atopaban fóra do alcance das pértegas e medios tradicionais, contratouse a unha empresa especializada. Ademais, a Concellería de Medio Ambiente deu aviso de varios niños situados en propiedades e postes de empresas privadas sobre as que recae a responsabilidade do mantemento. 

Como apoio á retirada dos niños, o consistorio estableceu dúas iniciativas de trampeo. A primeira consistiu na repartición de trampas entre os veciños que o solicitaron e botellas de cebo líquido para enchelas. A segunda ten como obxectivo garantir a seguridade dos veciños nas contornas públicas e comprende a instalación de trampas en zonas sensibles como xardíns, parques infantís, praias, edificios públicos e centros educativos. 

Ademais, desde o Consistorio fíxose entrega de gran cantidade de material e equipamento ao grupo de apicultores que colabora co Concello, como pértegas extensibles para uso de sprays nos niños, traxes, luvas, biocidas, deterxentes e equipos de iluminación autónomos de longo alcance. 

A campaña non se dá por pechada, os traballos de vixilancia continuarán durante as próximas semanas. "Coa chegada do outono e a caída das follas das árbores localizaranse máis niños, así que estaremos pendentes dos novos avisos". 

Comentarios