Tambo recupera as visitas guiadas con lista de agarda nas solicitudes

Os últimos traballos de desbroce da UME permitiron liberar o camiño principal ► A illa levaba máis de dous anos sen actividade
Excursión polo interior da illa en 2018. RAFA FARIÑA/ ARQUIVO
photo_camera Excursión polo interior da illa en 2018. RAFA FARIÑA/ ARQUIVO

Cando no pasado mes de xullo a Irmandade Illa de Tambo anunciou que deixaba de organizar as visitas guiadas ao enclave, abriuse a incógnita de canto tempo tería que pasar para poder volver a realizar alí actividades de lecer, algo que, a partir dese momento quedaba estreitamente vencellado á trasferencia da titularidade da illa por parte do Ministerio de Defensa ao Concello de Poio, que nestes momentos continúa cos trámites abertos, e ao posterior acondicionamento e organización do espazo para tal fin.

Polo momento, non haberá que agardar á finalización do procedemento de traspaso para poder visitar Tambo. A mellora da situación sanitaria e os traballos de desbroce realizados recentemente por parte da Unidade Militar de Emerxencias (UME), deron luz verde a retomar as visitas, que inicialmente están fixadas en dúas únicas datas: os días 16 e 30 deste mesmo mes de outubro.

Se ben a vexetación exuberante que o pasado verán fixo que calquera intento de penetrar na illa resultase imposible, a parte de "perigoso" para os excursionistas, tomou o enclave por completo tras máis de dous anos sen presenza humana, a liberación da vexetación que inundaba a senda perimetral permite agora a realización dun itinerario con garantías, e para o que a Irmandade xa ten lista de agarda.

"Hai dúas semanas entrevistámonos coa nova dirección da Escola Naval, que nos comunicou que xa se poden realizar as visitas habituais porque o camiño está limpo. Avisamos á xente que temos en lista de agarda e a resposta foi incrible, atopámonos cunha grandísima demanda", explicou o presidente, Antonio Costa.

Dende a Irmandade consideraron "decisivos" estes roteiros organizados, polos que pasaron máis de 4.000 persoas, á hora de "acelerar os trámites" do traspaso.

O futuro do espazo: últimas excursións baixo tutela da Irmandade 
A Irmandade Illa de Tambo non descarta engadir algunha visita ao calendario de aquí a final de ano, se ben dependerá principalmente da climatoloxía polo que, tal e como destacou o presidente da entidade, Antonio Costa, as dúas datas previstas para este mes poderían ser as últimas excursións tuteladas pola Irmandade antes de que se realice a trasferencia da titularidade ao Concello.

De feito, dende a entidade agardan que "o presente ano remate contemplando nos orzamentos do 2022 a partida correspondente para efectivizar dito acordo, e que a partires de xaneiro podamos escomenzar a falar de desenvolver un proxecto integral da posta en valor da illa de Tambo".

Nesta sentido, tal e como avanzara este xornal o pasado mes de maio, a Concellería de Promoción Económica estimaba obter a titularidade en menos de dous anos. A partir do momento do traspaso, quedará por definir o regulamento que rexerá o acceso ao espazo, que quedará aberto á cidadanía.

Así, unha das cuestións principais será definir as condicións de control de aforo, algo que si se contempla para este espazo.

Comentarios