Tambo, a xoia por descubrir

PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL ► O Concello de Poio vai crear un Plan de usos para a reapertura ao público da illa de Tambo. Os obxectivos principais serán preservar o singular entorno natural e potenciar un turismo sostible a través de visitas guiadas
Illa de Tambo. ANXO LORENZO
photo_camera Illa de Tambo. ANXO LORENZO

Emerxe entre as augas da ría de Pontevedra unha case virxe Illa de Tambo cuxas competencias, tras 25 anos de negociacións, foron finalmente asumidas polo Goberno local de Poio mediante unha pelexada concesión demanial.

O pasado mércores comezaron as tarefas de limpeza da illa co obxectivo de protexela dos incencios e habilitar as sendas para as próximas visitas que organizará o Concello.

O proxecto no que estan traballando dende o municipio, según comenta o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, é crear unha aplicación a través da cal todas as persoas que desexen visitar este espazo natural podan facelo con autorización do concello e cunha visita guiada. A intención é que estes paseos comecen a mediados de xullo cuns aforos controlados dun máximo de 200 persoas por día, divididas en grupos de 50. Estes itinerarios contarán cun guía que acompañará aos turistas nun roteiro polos dous kilómetros e medio de senda que ten a illa.

PLAN DE USOS. Os principais obxectivos do Concello son dinamizar e potenciar o turismo na comarca de Poio ofrecendo unha nova alternativa. Por outra banda, e tendo como prioridade a preservación do entorno natural, o concelleiro declarou que este Plan de usos no que están a traballar incluirá a solicitude para que Tambo sexa recoñecida como Espazo Natural de Interés Local (ENIL). Todo isto coa intención de acotar e preservar a abundante cantidade de especies protexidas que agroman no seu interior.

UNHA ILLA CON HISTORIA. Tambo conta cun pasado digno de relato. Ermitaños, monxes, piratas ou militares son algúns dos persoeiros que deixaron a súa pegada neste entorno paradisíaco.

Esta superficie de 28 hectáreas albergou na súa parte máis alta un castro na Idade de Ferro. Facendo un percorrido pola súa historia tense constancia de que, en torno ao século VI, houbo unha ermita da que non se conservan restos. Tamén albergou un mosteiro benedictino do cal quedan aínda unha capela e unha fonte.

Tamén a vida ermitaña chegou a Tambo con cabaleiros e frailes franciscanos, durante os séculos XIII e XVI.

Alá polo ano 1589, a illa recibiu unha inesperada visita. Francis Drake, o coñecido pirata británico, arribou para saquear e destruir o mosteiro. Xa no século XVIII, a capela sería reconstruída para adicarlla a San Miguel.

O progresivo crecemento do porto de Marín fixo que tamén aumentase o número de mariñeiros que chegaban con posibles enfermidades ou infeccións contaxiosas, polo que, a mediados do século XIX, construiríase en Tambo un lazareto para que estes mariñeiros fixeran cuarentena. A pesar desta función preventiva, a instalación durou aberta apenas 15 anos pola controversia que xerou entre os veciños de Pontevedra.

Durante os seguintes anos, a titularidade da illa foi cambiando de mans ata que, en 1943, coa chegada da Escola Naval Militar a Marín, a illa pasou a ser unha zona de uso militar empregada principalmente para maniobras da Armada Española e, ademais, aloxou no seu interior un arsenal militar ata o 2002. Deste período de tempo quedan na illa diversas construcción utilizadas polos militares como o polvorín ou a cantina emprazada ao pé da praia.

Entre estas edificacións tamén se atopa o Faro de Tenlo na zona sur da illa, inaugurado en 1922 e que conta cunha peculiar escaleira elicoidal exterior pola que se accede ao seu interior.

Ruinas | A Capela de San Miguel

Esta capela que nun primeiro momento formaba parte do mosteiro, posteriormente sería adicada á virxe de Gracia. Anos despois tería que ser reconstruída tras o ataque dos corsarios británicos como, Francis Drake, alá polo século XVI. Nesta última reconstrucción a capela adicaríaselle finalmente a San Miguel.

Mar | O peirao

A este peirao comezarán a chegar en catamarán as persoas que desexen visitar a Illa de Tambo a partir de mediados deste mes de xullo. As visitas serán guiadas por persoal de Turismo do Concello, previamente formados pola asociación Irmandade Illa de Tambo. A intención do Concello é controlar o acceso para preservar o patrimonio natural e arquitectónico da illa.

Patrimonio natural | O Taffoni

Esta rocha é un dos elementos naturais máis chamativos de toda a illa. Un taffoni é unha pedra cunhas cavidades no seu interior que foron talladas polo efecto da erosión. Grazas ás tarefas de limpeza, este taffoni deixou de estar atrincheirado entre a maleza e as persoas que visiten a illa poderán observar a súa monumentalidade.

Edificacións militares | O Polvorín

Cando a illa estivo baixo o control de Defensa, este polvorín albergaba unha gran cantidade de material militar. Ademais, a posición estratéxica da illa e a considerable cantidade de eucaliptos que a poboan, facían dela un entorno idóneo para gardar a privacidade das prácticas militares. Outras construccións empregadas polos militares eran a cantina e o acuartelamento.

Hospital | O Lazareto

Este edificio empregouse durante case 15 anos coma hospital para todos aqueles mariñeiros que chegaban aos portos de Marín e Pontevedra con algunha infección ou sospeita de tela. O uso desta edificación tan preto das dúas cidades creou desconfianza entre os veciños e finalmente deixou de utilizarse, trasladando a súa función á Illa de San Simón.

Visita | O Plan de Usos

Nas inmediacións da praia de Adreirá, o concelleiro de Promoción Urbanística do Concello de Poio, Gregorio Agís, facendo o roteiro polas sendas da Illa de Tambo xunto con Sergio Portela, o escultor que coordina o Plan de Usos; e o xefe da empresa, que estivo organizando as limpezas efectuadas na illa durante toda esta semana.

Medidas | Acceso a Tambo a través dunha autorización

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, lembrou que o acceso á Illa está prohibido se non se conta cunha autorización. Dende o Concello anunciaron que se habilitará un balizamento nas proximidades dos areais da Illa e que xa está activo un sistema de vixilancia para garantir esta medida. 

DISTANCIA DE SEGURIDADE. Según informou o edil, a distancia que deben manter as embarcacións no fondeo é de 200 metros respecto á illa.

SANCIÓNS. As persoas que non cumpran estas medidas poderán expoñerse a fortes multas económicas.

Control de aforos e visitas guiadas

Aforo ► O Plan de Usos para a Illa pretende limitar o aforo diario a un máximo de 200 persoas divididas en grupos de 50, para preservar o patrimonio natural e cultural. Ademáis, procederáse á colocación de carteis informativos das normas de uso da contorna.

Aplicación ► Según informou o concelleiro, Gregorio Agís, a Consellería de Turismo local está a ultimar os detalles para crear unha aplicación que permita solicitar por Internet o acceso á illa e desta forma controlar e repartir as visitas ao longo do verán.

Comentarios