"Teño constancia de que un dos gañadores é de Barro"

José Ramón Chaves, vendedor da ONCE en Pontevedra, repartiu un total de 315.000 euros na comarca en premios de 35.000 euros
2020091611195821595
photo_camera José Ramón Chaves, na sede pontevedresa da ONCE. GONZALO GARCÍA

Logo de 21 días vendendo cupóns nas rúas da Boa Vila, o vilagarcián José Ramón Chaves terminou este martes o seu contrato ao grande: vendendo nove cupóns que resultaron premiados con 315.000 euros no sorteo do día 14. "Non mo esperaba para nada", recoñece entre risas de humildade este vendedor que a partir de agora intentará seguir repartindo sorte no seu novo destino: Vilagarcía de Arousa.

As nove persoas agraciadas aínda non foron identificadas, pero quen lles vendeu os cupóns xa sabe seguro que "un é de Barro". Posiblemente algún premiado habite tamén en Pontevedra, posto que Chaves tiña o seu punto de acción entre a entrada do Carrefour e rúas como Michelena ou San José.

Non se trata do seu primeiro premio, pero si do máis cuantioso: "O primeiro premio que dei foi un Cupón de 200 euros, logo 1.000 euros nun Rasca e ata agora o máximo eran 1.500 euros no sorteo do Día do Pai". Cantidades que se repartiron entre Silleda e a zona do Salnés.

BAIXADA DE VENDAS. Tras dous anos traballando coa ONCE, José Ramón Chaves comprobou de primeira man como "as vendas baixaron moito" por mor da pandemia: "A xente está moi preocupada e a súa prioridade xa non é comprar, nin cupóns nin outros produtos". De feito, durante os últimos días, posiblemente debido ás restricións que afectan á cidade de Pontevedra, "notouse un baixón importante".

Calquera precaución é pouca e por iso as medidas de seguridade están presentes no día a día de calquera vendedor. Máis se cabe no caso de José Ramón, quen se someteu hai dous anos a un transplante de ril que o obrigou a abandonar a súa carreira como condutor de camións. O optimismo manteno intacto e confesa: "Hai que procurar non pensar na idea de contaxiarse".

A partir do 24 de setembro volverá á súa Vilagarcía natal coa esperanza de conseguir remontar as vendas e co desexo de que os pontevedreses que depositaron nel a súa confianza durante este tempo digan: "Que volva o que deu o premio".

Comentarios