Todo listo en Poio para inaugurar o venres o monólito en honor a Magín Froiz

O acto será totalmente aberto á veciñanza ► Estará na glorieta da avenida da Praia, en Lourido
A viúva de Froiz, no acto de nomeamento como fillo adoptivo de Poio. DAVID FREIRE
photo_camera A viúva de Froiz, no acto de nomeamento como fillo adoptivo de Poio. DAVID FREIRE

A homenaxe municipal do Concello de Poio á figura do empresario Magín Alfredo Froiz completarase este venres coa inauguración do monólito colocado en Lourido no seu recordo. Así o confirmou o Concello, que indica que este acto si será totalmente aberto á veciñanza, convidando a asistir a todos os que así o desexen. Este monumento será colocado na lembranza do empresario e impulsor do equipo de ciclismo Súper Froiz para que "a súa figura siga moi presente tanto na sociedade actual como nas novas xeracións", apunta o alcalde, Luciano Sobral.

O monólito será colocado na glorieta da avenida da Praia, en Lourido, situada nas proximidades da sede principal de Froiz, e ao acto acudirán, ademais, os familiares e achegados do fundador do que é un dos grupos empresariais máis importantes da provincia. A elección do emprazamento non é casual, xa que é unha zona que era de paso habitual para Magín Froiz. Este acto súmase a outras iniciativas impulsadas desde o Concello de Poio para recoñecer e dar visibilidade á traxectoria profesional, económica, solidaria e deportiva do empresario, afincado en Poi boa parte da súa vida.

A concelleira de Deportes, Marga Caldas, lembra que o espírito altruísta de Froiz tamén serviu para dar vida a máis de 2.000 iniciativas lúdicas e deportivas, moitas delas tamén con carácter solidario, así como a creación do equipo ciclista. Feitos estes que figuran no expediente aberto polo Concello para nomealo a finais do ano pasado Fillo Adoptivo de Poio. Durante este mes, tamén se lle fixo entrega á familia da acreditación que corrobora o nomeamento, nun acto familiar no Casal de Ferreirós. "Chega o momento de que toda a veciñanza poida participar neste acto, máis que merecido por todo o que Magín Froiz achegou ao noso municipio", sinalan .

Magín Froiz súmase a outras personalidades que tamén son xa fillos adoptivos de Poio, como Gonzalo Fernández de la Mora (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (ano 2000 e gañador no Premio Nobel da Paz en 1980), Alexandre Bóveda (2003) e Benito Montero (2011).

Comentarios