Todo listo para a venda de 400 queixos na XL edición da Festa do Requeixo

O alcalde de Cerdedo - Cotobade enxalzou a festa de Corredoira

A parroquia cotobadesa de Corredoira acollerá esta fin de semana as súas celebracións de San Antón e Santa Bárbara e a Festa do Requeixo, que alcanza a súa cadraxésima edición consolidada como un dos certames gastronómicos máis antigos do concelllo fusionado xunto coa Festa da Filloa de Valongo. A cita culinaria contará con case 400 pezas artesanais de requeixo elaboradas polos veciños da parroquia.

O alcalde, Jorge Cubela e representantes da comisión organizadora da festa explicaron na presentación da mesma que os requeixos sairán á venda, como é habitual, a un prezo de 12 ou 15 euros dependendo do seu tamaño, mentres que as racións expediranse a tres euros. Ademais, lembraron que a festa comezará ás 20.00 horas na Casa do Pobo e aconsellaron aos asistentes acudir ben cedo, xa que estas pezas, moi cobizadas ao tratarse de requeixos tradicionais de elaboración propia, "soen rematarse en pouco tempo". "Son pezas únicas, moi frescas e saborosas ao facerse con moita leite, entre 7 e 8 litros por requeixo, e por iso teñen tanta sona", detallaron os organizadores, que revelaron que a maior parte dos asistentes soen degustalos con azucre, mel, viño ou coñac.

Difusión do requeixo da zona. Chegado este corenta aniversario, os membros da comisión recordaron as orixes desta cita gastronómica no ano 1980, "xa que había moito costume e maña en facer requeixos e pensouse que a creación dunha festa específica serviría para potenciar e difundir este produto ao tempo que se recadaban fondos para as festas de San Antón e Santa Bárbara".

O programa festivo complétase hoxe, tras a degustación e venda dos requeixos, cunha cea popular a base de polbo, churrasco e viño do país e coa música do emblemático grupo A Roda. Ademais, durante a fin de semana destacarán as actuacións de Olympus, DJ Skandal, Tic Tac, Magical, o grupo de gaitas dos Abrentes de Cerdedo e a Banda de Música de Cerdedo. A organización lembra que o campo da festa estará cuberto cunha carpa de grandes dimensións en preevisión de que se produzan precipitacións, en especial o sábado.

O alcalde aproveitou a presentación para agradecer "o esforzo e traballo da comisión, a continuidade ininterrompida no tempo e a frescura e calidade dos requeixos", que permiten ao concello contar cunha cita gastronómica de primeiro nivel, e quixo convidar a toda a veciñanza e, por extensión aos habitantes do resto da comarca de Pontevedra a achegarse esta fin de semana ata a parroquia de Corredoira.

Comentarios