Tonelada e media de solidariedade na furgoneta de Johnny Güimil en Barro

O músico empregou a súa 'Taberneta' como reclamo para unha exitosa recollida de víveres
undefined
photo_camera Algúns dos colaboradores da recollida de alimentos, con Johnny Güimil, tras entregar todo o recadado. CEDIDA

A furgoneta do veciño de Barro, profesor de música e promotor do grupo O Son das Tabernas, Johnny Güimil, volveu a ser o epicentro da esperanza para moitas familias de Barro o sábado.

O vehículo, unha Volkswagen Transporter dos anos 90 que ten a típica pintura vermella e branca propia destas campers, foi empregado como punto de recepción de doazóns de alimentos non perecedoiros para entregarllos posteriormente aos Servizos Sociais do Concello e repartilo entre as familias con menos recursos.

Güimil, que xa o ano pasado promoveu unha iniciativa similar, sorprendeuse coa xenerosidade dos seus conveciños. "Anunciámolo durante uns días, e o sábado estivemos eu e algúns veciños, como Antonio Medraño e Christian Lobagueira, custodiando o punto de entrega desde as 11.00 ata as 20.00 horas, e foi un éxito", recoñeceu.

En total, acadáronse 1.500 quilos de alimentos o cal é unha cifra moi similar á do ano anterior, pois daquela o propio Johnny contaba cun premio de 300 euros dun sorteo que tamén transformou en case 400 quilos de alimentos.

"Pedíranse alimentos non perecedoiros, pero tamén turróns e lambetadas de Nadal que serviran para este momento concreto"

As achegas viñan de todas as partes do Concello, e tamén de municipios limítrofes "onde teño amigos que se pasaron para cooperar", indicou Güimil, que atribúe a alta capacidade de resposta dos veciños e veciñas a que "aquí hai moitas iniciativas e sempre teñen boa aceptación".

Os alimentos foron entregados ao Concello, e o rexedor, José Manuel Fernández Abraldes indicoulle que os Servizos Sociais farán lotes para distribuilos entre os máis vulnerables.

"Pedíanse non perecedoiros, pero tamén turróns e lambetadas que valeran para os nenos, porque se pretendía que serviran para este momento concreto", sinalou un día despois o promotor da idea.

A furgoneta, que se chama Taberneta por ser tamén o medio de transporte do grupo O Son das Tabernas, seguirá cooperando con causas solidarias coma esta e outras similares. O ano pasado ata levou a Papá Noel polas parroquias e este ano se cadra e o venerable ancián de Laponia llo pide, tal vez se repita esa viaxe.

Comentarios