Un total de 560 veciños acudiron ao primeiro día do cribado de Vilaboa

O alcalde, que destaca que a xornada se desenvolveu sen incidentes nin longas esperas, anima a todos os veciños a participar. O Sergas citará a preto de 3.000 vilaboeses para esta proba
Cribado COVID en Vilaboa
photo_camera Os participantes no cribado en Vilaboa contaron cunha carpa na que se delimitaron tres ringleiras para separalos. GONZALO GARCÍA

Un total de 560 persoas acudiron este luns ao primeiro día do cribado masivo que o Sergas está a desenvolver no municipio de Vilaboa e que continuará aínda durante dúas xornadas máis: este martes e mércores en horario de tarde (desde as 15.00 ata as 19.30 horas).

Tras o incremento repentino de casos a principios de febreiro e ao pasar os 60 contaxios, cifra coa que o municipio se situaba na barreira de mil contaxios por cada 100.000 habitantes, Vilaboa solicitou ao Sergas esta intervención, coa que se pretende acoutar as posibilidades de transmisión do virus a través de persoas asintomáticas. Unhas 3.000 persoas están a ser citadas para esta actuación. Trátase de veciños empadroados situados na franxa de idade de entre 40 e 79 anos, a que rexistrou un maior número de contaxios. 

Os e as citadas deben presentarse no centro de saúde do Toural á hora indicada (non antes, para evitar aglomeracións) e tras a realización do test serán informados mediante mensaxe de texto, en caso de resultado negativo, e persoalmente, en caso de dar positivo por covid-19. 

O alcalde, César Poza, explicou ao peche da primeira xornada que había satisfacción en canto á participación, así como ao resultado a nivel organizativo. "Usando a referencia de concellos veciños e tendo en conta as condicións especiais do noso centro de saúde, que ten unha única porta de entrada e saída, organizamos un dispositivo que evitou as aglomeracións e facilitou a participación", aclarou Poza. 

Cribado COVID en Vilaboa

O Concello instalou unha carpa na que dispuxo tres ringleiras separadas por valos e contou cun dispositivo composto por Protección Civil que dispensou hidroxel aos participantes antes de que se aproximasen ao centro de saúde. Tres equipos de enfermeiros encargáronse da toma de mostras, aproveitando para iso o espazo exterior dos despachos médicos, preto da entrada do centro.

"Espero que os nosos veciños e veciñas sigan amosando a súa conciencia cívica e acudindo a este cribado, que pode ser determinante para rematar con esta situación", aclarou o rexedor. Vilaboa encadea varios días de baixada na cantidade total de contaxios e este luns tiña 37 casos, dous menos.

Comentarios