O TSXG suspende preventivamente a autorización do parque eólico Campo das Rosas

As instalacións situaríanse nos municipios da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Sede del TSXG. DP
photo_camera Sede del TSXG. DP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu preventivamente a autorización outorgada pola Xunta de Galicia a Naturgy Renovables SLU para a construción do parque eólico Campo das Rosas, declarado de utilidade pública.

Estas instalacións, situadas nos termos municipais dos concellos pontevedreses da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, foron ademais declaradas polo goberno galego como compatibles cos aproveitamentos forestais da zona.

Pero agora a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG atendeu a solicitude da asociación Ecoloxistas en Acción Galicia, que pedía esta suspensión cautelar.

Os maxistrados basearon a súa decisión no fumus boni iuris, a aparencia de bo dereito, unha figura xurídica que se refire á aparencia ou probabilidade de que unha acción legal teña un fundamento xurídico válido", segundo explica o alto tribunal galego.

O TSXG sostén que, aínda que nesta fase do procedemento só poden manifestarse sobre a suspensión cautelar, non sobre o fondo do asunto, xa se pronunciaron noutras ocasións sobre a pretensión que presumen que se exporá na demanda.

Prevén que estará baseada na existencia de simultaneidade entre o requirimento dos informes sectoriais do parque e o trámite de información pública e o prazo deste.

De feito, o tribunal subliña que da lectura do acordo que autoriza a execución do parque eólico Campo das Rosas apréciase que o procedemento "conduciuse de forma análoga" ao que deu lugar á autorización do parque eólico do Roncudo, en Corme.

Este parque foi anulado polas sentenzas emitidas pola mesma sala do TSXG o 21 de xaneiro de 2022, de modo que, neste caso, entende que se cumpre o requisito que ampara a suspensión interesada pola asociación ecoloxista.

No auto, explica que a propia sala, en pronunciamientos anteriores, xa advertiu sobre a prevalencia do dereito europeo e a incidencia que sobre o trámite de información pública teñen os prazos e a disposición efectiva previa -e non simultánea- dos informes sectoriais.

Esas sentenzas anteriores, emitidas en xaneiro de 2022, foron recorridas ante o Tribunal Supremo, que deberá determinar se os informes sectoriais que se requiran para tramitar un procedemento de avaliación do impacto ambiental deben solicitarse antes de someterse o proxecto ao trámite de información pública ou, pola contra, facerse de forma simultánea.

A sección terceira do Contencioso-administrativo do TSXG recalca no auto que está de acordo co letrado da Xunta en esperar a que se pronuncie o Tribunal Supremo sobre ese extremo, un "argumento máis" que ampara a suspensión deste parque eólico.

O TSXG rexeitou amparar a suspensión no periculum in mora, é dicir, a perda da finalidade lexítima do recurso, ou na prevalencia do interese xeral sobre o particular da promotora, tal e como defendía a asociación ecoloxista.

"Non observou esta sala o dano ambiental e a diversas especies de flora e fauna a que se refire o letrado da asociación ecolóxica", explica o tribunal, á vez que sinala que se acreditou o interese xeral que ten este parque para o sistema eléctrico.

Este auto, que non é firme e pode ser recorrido, conta cun voto particular dunha das maxistradas, que se opuxo a esta suspensión cautelar.