O último adeus a Juan do Vilar

A parroquia de San Xoán chora a morte dun dos avós da comarca de Pontevedra, Juan LuIs Casal, falecido o pasado luns aos 104 anos. Casal Martínez formou parte da lista do PP nas eleccións municipais de 2015, tras chegar ao século de vida

Juan do Vilar, en 2015. GONZALO GARCÍA
photo_camera Juan do Vilar, en 2015. GONZALO GARCÍA

É PROBABLE que o nome de Juan Luis Casal non lle resulte familiar a moita xente, pero a cousa cambia cando se fai mención a Juan do Vilar. A parroquia de San Xoán chora desde o pasado luns a morte dun dos seus veciños máis emblemáticos. Aos seus 104 anos, Casal Martínez era un dos avós da comarca de Pontevedra. No entanto, o seu carisma non só viña marcado pola idade, senón tamén polo seu xeito de entender a vida. Ao señor Juan, como lle adoitaban chamar os seus coñecidos, non lle tremeu o pulso cando, pouco despois de alcanzar o século de vida, decidiu enrolarse na candidatura que o Partido Popular presentou ás eleccións municipais de 2015. Nunha reportaxe publicada por este xornal, e realizado pola xornalista Marina Abilleira, Juan do Vilar afirmaba sen andrómenas que "eu sempre fun do PP porque cadra mellor coas miñas ideas, co que penso. Os outros partidos fánseme un pouco aburridos", afirmaba. Aínda que a súa presenza na lista foi pouco menos que testemuñal (ocupou o posto decimoséptimo), a súa implicación deixou ás claras que, a pesar dos seus 100 anos, rezumaba vitalidade polos catro costados.

A nivel mediático, a presenza do señor Juan nunha candidatura política causou certo balbordo. Con todo, a quen realmente o coñecían ben non os colleu por sorpresa. Este martes, algúns dos numerosos veciños e amigos que se achegaron ao tanatorio municipal para dar o pésame aos seus achegados recordaba a Casal Martínez subindo por unha escaleira con 98 anos para podar as parras da súa casa. "As cousas hai que facelas", limitábase a sinalar entón. A vida de Juan do Vilar non foi un camiño de rosas. Tal e como el mesmo sinalaba en 2015, "eu con catro anos xa me puxen a traballar. Púñanme diante do carro das vacas cunha vara na man, para frealas nas costas". Sobrevivente é unha palabra que define ben a este veciño de San Xoán, que durante os tres anos que durou a Guerra Civil só gozou dun permiso de dúas semanas "porque nun ataque déronme por morto".

Outro dos aspectos que levou a Juan Luis Casal a ser un emblema na súa parroquia natal foi o seu traballo como garda forestal, papel que desempeñou durante 40 anos. "Era o home que máis sabía sobre o Monte Castrove", afirmaba este martes o líder do PP de Poio, Ángel Moldes, que compartiu nas redes sociais unha emotiva mensaxe de despedida. "Era unha gran persoa e un exemplo a seguir", indicou.

Este mércores pola tarde, ás 17.00 horas, terá lugar un funeral na súa memoria, no Mosteiro. Posteriormente, será incinerado na intimidade familiar.

Comentarios