Un mariscador captura unha ameixa de catro quilos en Poio

O exemplar, de 35 centímetros de longo, apareceu entre a illa de Tambo e Raxó cando o traballador buscaba navallas
La almeja capturada en Poio. TVG
photo_camera A ameixa capturada en Poio. TVG

Un mariscador que estaba en busca de navallas na ría de Pontevedra atopouse hai uns días cunha captura totalmente inesperada. A súa sorpresa foi maiúscula cando viu no mar unha ameixa de catro quilos de peso e 35 centímetros de longo, que apareceu entre a illa de Tambo e Raxó, no Concello de Poio.

O dono da empresa para a que traballa o mariscador relatou os feitos na Televisión de Galicia. "Estaban traballando en Tambo e seica pasou ou barco de pasaxes que sae de Combarro e debeu remover e, ao remover, achegouse para ver se había navalla e nese momento mirou a ameixa, colleuna e tróuxonola para vela", explicou Rogelio Bellón na canle pública galega.

Xa na lonxa de Campelo, comprobouse que o exemplar pesaba catro quilos e medía 35 centímetros. "Nunca viron unha ameixa tan grande e por iso chamaron ao biólogo para que a vira", afirmou Bellón.

O experto confirmou que se trataba dunha panopea, unha especie de molusco de gran tamaño que adoita habitar enterrado a un metro de profundidade. Cando estes bivalvos saen á superficie, un feito nada habitual, teñen dificultades para regresar ao seu fogar.

Este exemplar xa se converteu na gran atracción da lonxa de Campelo, aínda que nos próximos días será devolto ao mar.

Comentarios