Unhas 3.000 troitas chegan ao río Verdugo liberadas por estudantes do CEIP A Lama

A Asociación Río Barbeira promoveu esta actuación para repoboar dúas zonas de especial valor ambiental en San Lourenzo

O alumnado dos dous útimos  cursos de Educación Primaria do CEIP da Lama participou na solta de 3.000 alevíns de troita organizada pola Asociación Cultural Río Barbeira, que preside Daniel Vidal, liberando exemplares procedentes da piscisfactoría do Centro Ictiolóxico de Carballedo.

A solta, supervisada en todo momento por Víctor Rial, capataz da piscisfactoría, tivo lugar na Ponte de San Lourenzo e na Volta do Río, na aldea de San Lourenzo. Rial explicoulles aos rapaces e rapazas que os alevíns de troita que se soltaron teñen oito meses e foron criados na piscisfactoría autonómica, cuxo cometido é conservar e repoboar con especies autóctonas os ríos galegos. O centro á súa vez, é o único galego de recuperación de salmón atlántico.

O presidente da Asociación Cultural Río Barbeira, Daniel Vidal, agradeceu a colaboración da Xunta nesta iniciativa  e salientou esta experiencia entre o alumnado do CEIP da Lama como xeito de implicar ás novas xeracións no coidado e preservación medioambiental do entorno.

A Asociación Cultural Río Barbeira ten entre os seus obxectivos a dinamización sociocultural nesta zona así como a posta en marcha de iniciativas que poñan en valor o gran patrimonio natural, histórico e etnográfico da contorna deste río. Ademais da limpeza e mantemento da ruta de sendeirismo coñecida como a Ruta da Liberdade, ou o concurso-exposición dos famosos espantallos da mesma ruta.

Comentarios