Vázquez: "Hai que diferenciar entre os proxectos eólicos que se presentan e os que sairán"

A conselleira de Medio Ambiente garante que "non teremos miles de eólicos espallados por Galicia"
Ángeles Vázque. AGN
photo_camera Ángeles Vázquez. AGN

"Do que poden estar seguros os galegos é de que non imos permitir fraccionamentos de proxectos, nin instalacións de eólicos onde non está amparado pola lei". Deste xeito despexou a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, as dúbidas xurdidas en torno ao Plan Eólico e o seu desenvolvemento en Galicia.

A conselleira, que indicou que parte dos proxectos que incumben á zona de Quireza (Cerdedo-Cotobade) aínda non pasaran o procedemento de solicitude de informes ao seu departamento, matizou que, precisamente, Medio Ambiente, ten a única misión de informar estes plans. "A consellería informa os plans. E é a de Industria a que recibe todos os proxectos. Estes son derivados para os informes sectoriais e aí é onde estamos traballando. Galicia ten un Plan Eólico e á parte dese plan, temos unhas instruccións claras e son que dentro de Rede Natura e en Zona de Especial Protección, non se consentirán os parques". 

Vázquez defende, iso si, a viabilidade de moitas das iniciativas que se están presentando, que deben obedecer, sostén, á priorización das enerxías limpas. "Hai que diferenciar entre o número de proxectos que se presenten e o número de proxectos que van a saír adiante, tendo sempre presente que necesitamos enerxía, optamos pola enerxía verde e Galicia opta polo eólico", expuxo, para engadir que "iso non quere dicir que vaiamos a ter miles de eólicos espallados por Galicia sen ningún control. Os informes sectoriais son fundamentis, ao igual que os dos concellos". 

"Non vai haber eólicos fóra do plan preestablecido", engadiu, descartando unha moratoria para analizar todo o conxunto de propostas e recordando que parte delas tramítanse ante o Ministerio.

O BNG: "Hai unha clara fraude de Lei coa fragmentación de Campo das Rosas" 
A preocupación actual en Cerdedo céntrase no proxecto Campo de Rosas, que este mércores recibiu as alegacións en contra dos nacionalistas. Do mesmo xeito que o Concello, o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, sinala a existencia de sete proxectos eólicos para a mesma zona como un intento de evitar unha tramitación máis custosa dun único proxecto. "Nun espazo pequeno aglomeraríanse os parques de Campo das Rosas, Cabanelas, Monte de Arca, As Penizas, Pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñán III, co conseguinte impacto sobre a paisaxe. O Campo das Rosas está situado a escasos metros de Insuela, Tresaldeas, Caneda e Cuíña entre A Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, un atentado á habitabilidade dos núcleos. Ademais vulnera a directiva europea para a conservación de hábitats naturais e de fauna e flora e danará un fito cultural e turístico, como é a Rapa das Bestas de Sabucedo", afirma.

 

O PSOE: "Vemos necesario un pleno monográfico sobre os eólicos"
Os socialistas de Cerdedo-Cotobade presentaron tamén a súa lista de alegacións contra o parque Campo das Rosas, o único da comarca que estaba, ata onte en fase de información pública. O equipo de Lina Garrido subliña a enorme preocupación que o conxunto de parques está a xerar en Quireza, onde xa se celebrou unha reunión cos veciños. "Dada a situación de desinformación existente, solicitamos que se celebre un Pleno extraordinario para que se nos informe sobre o impacto ambiental deste proxecto, instando asimesmo ao concello a presentar alegacións como parte afectada e dando así resposta a unha petición veciñal. Pedimos que se nos informe da totalidade dos proxectos que afectan as diferentes parroquias do noso concello e en que fase se atopan", di o PSOE, que leva dous plenos preguntando por este parque, e outros en Borela e Rebordelo. 

Máis proxectos: inician a petición do parque eólico Acibal, con catro xeradores de 175 metros cada un

A denominada xa polos ecoloxistas pandemia eólica, é dicir, a proliferación de proxectos a un ritmo maior que a capacidade dos afectados para analizalos, tivo este mércores un novo capítulo co inicio do proceso de información pública do denominado Proxecto de modificación substancial do parque eólico Acibal, situado entre Barro, Moraña e Campo Lameiro. Sería un plan a cargo de Norvento, cun investimento de máis de nove millóns de euros para a instalación de catro aeroxeradores de 175 metros de punta de pa. A Consellería de Industria establece un prazo dun mes para presentar alegacións. 

Comentarios