Unha veciña pide un certificado ao arcebispo para probar que non denunciou ao cura de Campo Lameiro

A edil achega unha carta asinada por Julián Barrio para atallar a onda de críticas que afectan "ao traballo, familia e grupo"

Unha veciña de Campo Lameiro viuse obrigada, esta semana, a presentar no seu perfil oficial de Facebook e a difundir unha carta asinada polo arcebispo, Julián Barrio, para acreditar ante os fregueses de todo o municipio que non foi ela a persoa que denunciou ou presentou queixa verbal sobre o cura das seis parroquias deste concello, Fermín Santiago Iglesias.

A veciña, Martina Viéitez, que é concelleira na Corporación do grupo Por Vir, aclara que decidiu recorrer ao Arcebispado a finais de novembro, "despois de ver como se me sinalaba por, supostamente, ter denunciado ao párroco de Campo Lameiro ante o Arcebispado. Ao principio non lle din importancia e deixeino correr, pero os rumores e as faladurías foron a máis e o que se centraba en min, acabou estendéndose tamén á miña familia, á miña actividade económica, e incluso ao noso grupo municipal", explicou Viéitez.

O problema, segundo aclara, xurdiu a principios do mesmo mes, cando o párroco indicou aos fregueses que había algún descontento que presentara queixas contra el por escrito no Arcebispado, algo que foi acollido con animadversión polos veciños, pois Fermín Santiago leva un ano traballando nas distintas parroquias do municipio e contou con boa acollida para moitas das súas propostas, a máis recente delas, unha romaría e un mercado solidario en honra a San Martiño en Penalba.

Precisamente o asunto das queixas coñeceuse logo desa cita relixiosa e festiva que contou coa colaboración do Concello e o beneplácito da maioría dos habitantes da zona.

A idea de que o novo cura (de 34 anos) vise en perigo a súa permanencia no municipio no que xa só queda un párroco, debeu sentar mal aos veciños, que enseguida quixeron dar co culpable. O problema é que o boca a boca popular sinalou a persoa equivocada. "Ao principio pensei que eran uns rumores e que se pasarían, pero co tempo vin que todo ía a máis, que se estendía e que comezaba a afectar a outros ámbitos, así que cando o asunto chegou a tocar á miña familia, decidín tomar medidas", explica Viéitez, que se dirixiu por correo ao Arcebispado o pasado 28 de novembro, explicando que "estaba a ser obxecto de difamacións e calumnias, contra a miña persoa, honorabilidade e imaxe" e pedindo que se certificase que ela non presentara queixa verbal ou escrita contra o párroco.

"Por sorte para min contestou moi rápido e xa puiden compartir a carta que me mandou", indica, aclarando que, aínda que Fermín Santiago leva un ano no concello ela solicitou "que se certificase que non presentei nada desde 2017 nin contra el nin contra as persoas que poidan estar con funcións de colaborador parroquial para evitar que sigan as terxiversacións".

A concelleira indicou que a publicación no seu perfil de Facebook do documento, asinado polo propio Barrio, causou xa certo impacto na sociedade de Campo Lameiro. Espera que, con isto sexa suficiente para acalar as calumnias "aínda que con estas cousas nunca se sabe".

COBO. "Son bulos". Pola súa banda, o párroco afectado preferiu que o vigairo episcopal territorial de Pontevedra explicase a situación. Calixto Cobo aclarou este luns que "persoalmente falei con dona Martina e don Fermín sobre esta situación e parece que en realidade non hai nada. Ela ten unha carta que entendo que é persoal e decidiu facela pública, pero o que habería que ver é quen é a terceira persoa ou persoas que supostamente afirmaron nalgún momento que había queixas sobre a actitude persoal de don Fermín".

O vigairo especifica que en todo caso se falaría da súa actitude persoal "porque me consta que é un párroco apreciado polo seu traballo, a súa xenerosidade e a súa acción caritativa" e parece claro que goza do apoio dos fregueses. Calixto Cobo explica que a historia, máis aló do anecdótico "non ten maior sustancia. Parecen bulos: dimes e diretes que en moitas ocasións non fan máis que alimentar polémicas sen sentido e que non vale a pena alimentar".

Comentarios