A veciñanza da Portela maniféstase por unha estrada "máis segura"

Os veciños concentráronse na Praza de San Amaro para visibilizar os problemas de seguridade do enlace da PO-531
photo_camera A concentración, onte, na Praza de San Amaro. DP

A veciñanza do lugar da Portela (Barro) concentrouse onte na Praza de San Amaro para pedir seguridade para a estrada provincial que discorre dende o enlace da PO-531 ata a Conjusa, e na que se atopa un tramo do Camiño de Santiago.

A protesta, convocada pola Plataforma Veciñal da Portela, tivo unha boa acollida entre a veciñanza, logrando reunir arredor de 50 persoas. A acción serviu para visibilizar o estado no do vial, que a veciñanza considera "de alta perigosidade", e para o que reclama "unha ampliación da plataforma e a creación de beiravías para garantir a seguridade dos peóns". Deste xeito, os veciños que se concentraron no lugar, piden á Deputación provincial unha estrada "máis segura" e manifestaron o seu desagrado por que se "gastasen fondos para facer remendos e deixar a estrada peor do que estaba". Durante a concentración, os protestantes denunciaron que o que existe actualmente na Portela son "carreiros e barrancos", polo que pediron "unha solución" á situación á que se enfrontan a diario peóns, ciclistas e os conductores de vehículos que transitan a vía.

Ata o lugar achegáronse varios deputados provinciais do PP e representantes locais do partido, entre os que se atopaba o voceiro do grupo popular, Jorge Cubela, que avanzou que "dende o grupo pediremos que o Goberno provincial actúe e vele pola seguridade das estradas provinciais".

Comentarios