Os veciños apelan á responsabilidade e piden "coherencia" ás autoridades

Colectivos veciñais da comarca reivindican o seu papel durante a crise sanitaria, reclaman a apertura total dos organismos e máis control "para recuperar a normalidade canto antes"
Asamblea vecinal al aire libre, en San Brais, celebrada en junio. RAFA FARIÑA
photo_camera Asemblea veciñal ao aire libre, en San Brais, celebrada en xuño. RAFA FARIÑA

Estiveron á beira da cidadanía desde o inicio da pandemia. Ben elaborando e distribuíndo máscaras, ben colaborando con familias vulnerables ou axudando aos seus asociados a xestionar subvencións ou reclamacións.

"Pasamos por moitas fases. Ó principio foi unha verdadeira odisea, nós axudamos a aquelas persoas que facían máscaras nas casas, participamos comprando as gomas e incluso repartindo case ás agachadas porque a mobilidade era escasa e tingamos que pedir permiso á policía municipal", explica Juan Manuel Loureiro, presidente da Federación Veciñal Castelao, que aglutina a numerosas asociacións da comarca.

Os colectivos de veciños paralizaron toda actividade de formación e lecer. Agora, din coa boca pequena, confían en retomala en setembro. "Pero vista a evolución da pandemia, queremos ser cautelosos", engade.

O presidente de Castelao reivindica que o papel dos colectivos veciñais está a ser fundamental, xa que constitúen o primeiro elo social. "Sempre che chegaba alguén que precisaba axuda, xente que percorre ás asociacións", relata.

Coincide con Loureiro Carlos Diéguez, presidente da Asociación O Mirador de Monte Porreiro. Aquí as consecuencias económicas da covid traducíronse nunha maior demanda do banco de alimentos deste barrio pontevedrés. "Vimos que se incrementou dun xeito tremendo a xente á que temos que axudar, xente que quedou sen traballo ou que non terminou de cobrar os ERTE", indica Diéguez, para quen a deriva que actualmente leva a pandemia é consecuencia dunha "falta de responsabilidade total por todas as partes".

"Aos nosos gobernantes resúltalles máis fácil cargarse a hostalería, que están desde o principio da pandemia pagando os pratos rotos, que botar man da Policía e desfacer concentracións e botellóns", subliña o presidente da asociación O Mirador, que considera que o incumprimento das medidas debería ter maiores consecuencias.

Carlos Diéguez, O Mirador: "Tras a pandemia aumentou de forma tremenda a xente que pide axuda ao banco de alimentos do barrio"
 

"O problema é o que pasou en Mallorca. ¿Onde está a responsabilidade dos pais?", apunta.

Un ano e medio máis tarde do estalido da covid-19 algunhas asociacións recuperaron as asembleas presenciais, ao aire libre e con medidas de seguridade, e recollen as principais demandas dos seus asociados, que en moitos casos pasan por trámites administrativos que, coas restricións, a cita previa e o peche dalgúns servizos "son máis complicadas".

É o caso da Asociación de Vecinos Moldes-Mourente, que mostra o seu malestar polos problemas que, asegura, teñen para realizar trámites administrativos relacionados coas alegacións ao novo viario a Montecelo. "O Concello só publicou a información do viario en Internet e moitos veciños non puideron vela, agora se vas ao Concello ten que ser con cita previa, é todo moito máis difícil", di o presidente deste colectivo, Eulogio Sartier.

Juan Manuel Loureiro, Federación Castelao: "Logo de ano e medio, non entendemos esta descoordinación. Temos as administracións pechadas e os bares abertos"

Desde Castelao tamén reclaman maior facilidade para realizar xestións na administración. "Isto é un verdadeiro despropósito. Parécenos de escándalo que teñamos as administracións pechadas, que para pedir un certificado de empadronamento necesites unha semana e media, que non poidas ter cita presencial co médico de cabeceira e estannos dicindo que podemos ir ós bares, abrir lecer nocturno..." , indica Loureiro.

Para os integrantes da federación veciñal falta "coherencia" entre quen deciden "independemente da súa cor política". "Entendemos que ó principio era todo descoñecido, pero vai ano e medio e non entendemos esta descoordinación. Temos as administracións pechadas e os bares abertos".

Mónica Lustres, Asociación Salcedo Norte: "Os maiores que están sos son algúns dos grandes prexudicados do peche dos centros sociais"

Os MAIORES. Para distintos colectivos veciñais os maiores son uns dos principais prexudicados da paralización de actividades nos centros sociais. Dio Mónica Lustres, responsable da Asociación de Vecinos Salcedo Norte. "Na nosa asociación a maioría dos socios son xente de idade, persoas máis vulnerables fronte á covid, e víñalles ben ximnasia de mantemento, a aula de memoria, teatro, baile..., pero agora está todo paralizado". "O Concello ten todos os centros sociais pechados, nós non temos centro propio. Contabamos que a cousa iría mellor, pero como veu esta quinta onda e está a subir a incidencia, teremos que esperar para renovar a actividade. A ver se en outubro é posible", engade Mónica Lustres, que tamén apela á responsabilidade individual para frear o avance do coronavirus, e a recuperar a actividade das asociacións en canto a pandemia permítao.

As asociacións na comarca

Tesi Landín, Asociación de Mulleres O Abeiro: "Os maiores dinnos que a pandemia lles fixo perder anos de vida"

A Asociación de Mulleres O Abeiro de Marín espera poder reiniciar as súas actividades o próximo mes de setembro "se a pandemia o permite". Con todo, a súa presidenta, Tesi Landín, mostrouse o mércores preocupada pola evolución que segue a crise sanitaria e que mantén as restricións en Marín. "Estamos a vivir a situación con moita responsabilidade e tamén con preocupación. Estamos todas vacinadas, pero os nosos fillos e incluso os nosos netos non. E a todos apetécenos a festa e socializar, pero sabemos que hai que esperar por responsabilidade cidadá". Landín apunta ao valor dos colectivos veciñais para os maiores. "Dinme moitas veces que deixar de facer actividades pola pandemia fíxolles perder anos de vida".

Raquel Touriño, Federación de Mulleres de Pontevedra: "Para asociacións como a nosa, que trata temas de ti a ti, a situación non foi fácil"

Para a Federación de Mulleres de Pontevedra recuperar a presencialidad é esencial porque "a pandemia está a afectar moito psicoloxicamente". A presidenta de Femupo asegura que "todo este tempo foi moi duro. De súpeto tes que cambiar todo a un formato dixital, relacionarche de maneira impersoal, para asociacións como a nosa, que tratan temas de ti a ti, moi confidenciais, vernos nesa situación non foi fácil", di Raquel Touriño, que destaca a dificultade de achegar recursos ou axudar ás asociadas a solicitar axudas ou realizar outro tipo de trámites.

Na cara positiva subliña que neste tempo Femupo multiplicou a súa presenza nas redes "e chegamos a recunchos que doutra maneira non poderiamos".

Poio | "A hostalería sempre acaba pagando"
O empeoramento da pandemia preocupa entre os colectivos veciñais de Poio, que ven como as restricións seguen aumentando. "A veciñanza ten medo", manifestou o presidente da Asociación Veciñal de Combarro, Valentín Silva. "O problema é que nos dan confianza, dannos a man e collemos ou brazo". Silva apuntou á falta de responsabilidade individual e criticou que sexa o sector da hostalería "que sempre acaba pagando as restricións". "Os culpables somos todos", dixo.

Comentarios