Veciños de Soutomaior denuncian a falta de médicos no Centro de Saúde de Arcade

Aseguran que non se están a cubrir as baixas e as salas de espera fican abarrotadas
Centro de Saúde de Arcade. GOOGLE MAPS
photo_camera Centro de Saúde de Arcade. GOOGLE MAPS

O Centro de Saúde de Arcade, en Soutomaior, leva preto dun mes sen médicos dispoñibles. Así o manifestan os seus veciños, que se queixan de que a única solución por parte da administración foi traer a un médico que soamente atende urxencias durante catro horas ao día.

Esta situación fai que dende mediados do mes de xullo as salas de espera se atopen abarrotadas de xente esperando ter sorte e ser atendidos polo médico substituto. En caso de non poder pasar á consulta vénse obrigados a ir ao PAC de A Parda pola tarde e ser atendidos por urxencias, incluso se o único que se quere é renovar unha receita.

Unha veciña denuncia que non se lle concedeu unha cita porque non había médicos dispoñibles

Con esta situación atopouse Cruz Prado. Ela intentou pedir cita para unhas receitas, pero asegura que dende o Centro de Saude de Arcade lle dixeron que non lle podían dar cita porque non había médico, xa que un pedira o traslado para outro centro e o outro estaba de vacacións. "Nesa época tamén coincidiu que estaba de vacacións a pediatra. E non os estaban cubrindo", sinala.

As solucións plantexadas son insuficientes para os veciños, xa que as poucas horas de atención médica que plantexan non son dabondo para atender a todos os presentes na sala de espera. Este caos viviuno Cruz Prado cando acompañou ao seu avó cunha ferida nun ollo. Por prescripcións médicas anteriores a súa neta decidiu levalo urxentemente a que o vira un médico. "Pero a gota que colmou o vaso foi cando entramos e o médico nos dixo que iso non era urxente", sentencia esta veciña.

REACCIÓNS

Pola súa parte, o BNG de Soutomaior xa denunciou a falta de médicos e o seu portavoz, Manu Lourenzo, califica a situación de "vergoñenta" aludindo ao número de médicos dispoñibles en comparación con outros centros e ao feito de non cubrir a falta de facultativos.

Comentarios