Vilaboa adica un millón de euros a manter os sumidoiros

Os pregos estanse perfilando e serán públicos na web do Concello ? O contrato terá unha duración de catro anualidades
César Poza. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera César Poza. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilaboa investirá máis dun millón de euros para o mantemento da súa rede municipal de saneamento e das súas estacións de bombeos, así como para resolver os problemas que as deficiencias da devandita rede están a provocar. O orzamento cubrirá catro anualidades.

Deste xeito, o Goberno local está a redactar o prego de cláusulas administrativas que regulará a contratación deste servizo por catro anos e cun coste anual de 216.220 euros. Unha vez rematado, o documento estará a disposición das empresas que queiran optar no Perfil do Contratante do Concello, na web www.vilaboa.org.

A primeira medida a adoptar será a realización dunha auditoría que permita ao Concello localizar as principais deficiencias dunha rede de saneamento que nalgúns puntos non está diferenciada da recollida de pluviais. Esta diagnose permitirá ao Concello acometer os investimentos necesarios para mellorar o servizo.

O alcalde, César Poza, confía en contar coa colaboración de Augas de Galicia, organismo ao que o Concello trasladará o seu plan de actuación que supón un importante esforzo inversor nos vindeiros anos para mellorar a rede municipal.

"Trátase dun elevado orzamento que imos asumir en solitario e confiamos en que os responsables de Augas de Galicia así o valoren e non haxa atrancos. Estamos a falar dun servizo básico que en Vilaboa conta cuns 91 quilómetros de colectores, na súa maior parte de tipo unitario, e que é preciso revisar con detemento para detectar posibles melloras na rede".

O alcalde, César Poza, ten claro que esta actuación non só é imprescindible pola repercusión que terá na calidade de vida dos veciños senón tamén polo compromiso xeral co respeto ao medio ambiente que persigue o Concello.

O sistema de saneamento do de Vilaboa está formado por canalizacións e colectores xerais de rede de sumidoiros, de diferentes materiais. Estímase que existan na rede uns 1.500 pozos de rexistro, con diámetros que van desde 200 mm hasta 315 mm.

Na zona urbana do Concello existen redes separativas de augas pluviais e fecais, aínda que nalgúns casos estas redes volven xuntarse. No ámbito do rural non hai redes separativas.

O termo municipal está dividido en tres concas: a norte comprende as parroquias de Bértola e Figueirido, e verte as súas augas á rede de Pontevedra; a leste abarca as parroquias de Figueirido e Vilaboa, vertendo as súas augas á Edar de Arcade, e a sur inclúe a Santa Cristina e San Adrián de Cobres, vertendo as súas augas á Edar de Riomaior.

Comentarios