Vilaboa apostará por máis rutas guiadas nas Salinas tras superar os 100 visitantes

O informe da técnica local de Turismo pon de relevo o interese que esperta este punto, mesmo entre os vilaboeses
Un dos grupos que visitou as Salinas este verán. DP
photo_camera Un dos grupos que visitou as Salinas este verán. DP

A Concellería de Turismo de Vilaboa acaba de pechar cun grupo de estudantes Erasmus a quenda estival de visitas guiadas ás Salinas do Ulló. O Concello puxo en marcha esta iniciativa para canalizar a inxente cantidade de visitas que recibe o entorno natural e darlle un tratamento máis acaído ao seu recurso turístico por excelencia. Ademais do balance de asistentes positivo, esta iniciativa deixou no departamento datos de interese que permitirán determinar as liñas de traballo a curto prazo. De feito, o Concello cifra en máis de cen persoas o saldo desta proposta.

O ente local destaca que entre os asistentes detectouse un amplo número de persoas procedentes de localidades veciñas, en especial da área de Vigo, pero tamén do propio municipio. En ese caso, o que os veciños e veciñas querían era "afondar na historia local e coñecer máis en profundidade datos, sobre todo, da granxa", resaltou.

En canto aos visitantes procedentes doutros puntos da xeografía española, detectáronse grupos procedentes de Andalucía, Cataluña e outros puntos que se hospedaban en vivendas de uso turístico, casas rurais ou hoteis do municipio. En todos estes casos guiados polos responsables deses establecementos, que recomendaron a visita a este punto. As redes sociais foron a segunda fonte de información para que os inscritos na actividade tiveran coñecemento da mesma.

E outro factor importante, que refire Pilar Pérez Fernández, a técnica de Turismo de Vilaboa e organizadora das visitas, é que boa parte dos asistentes solicitaron información sobre a hostalería local para comer ou gozar dun aperitivo despois da ruta guiada, que principalmente se celebrou polas mañás. Os datos recollidos fan pensar en preparar novas rutas para o outono e o inverno.

"A experiencia non puido ser máis positiva. A nosa técnica fixo primeiro un importante traballo de documentación e plantexou a visita de xeito ameno e pedagóxico. Continuaremos nesta senda. Ofertando iniciativas que nos permitan poñer en valor o noso patrimonio e que contribúan a que se valore e respete a singularidade ambiental de Vilaboa", explicou o alcalde.

Comentarios