Vilaboa busca espíritos altruístas para o seu grupo de Protección Civil

Hai medios pero faltan mans ► César Poza chama á veciñanza a reforzar un servizo esencial na pandemia
Concello de Vilaboa. VILABOA.ORG
photo_camera Concello de Vilaboa. VILABOA.ORG

O Concello de Vilaboa busca voluntarios e voluntarias para a súa agrupación de Protección Civil, unha entidade cun profundo arraigo no municipio pero con escaseza de recursos humáns nos últimos anos. Ao marxe da idade dos e das posibles vountarias, o Concello anima a participar nesta agrupación altruísta que colabora de xeito desinteresado na prevención e seguridade nos actos públicos e eventos de todo tipo, así como ante emerxencias, accidentes e incidencias diversas.

César Poza recoñece a importancia deste corpo como sinal da boa saúde do tecido asociativo municipal e tamén da calidade dos servizos de protección á cidadanía que ofrece o Concello. De feito, o alcalde recoñece que "nas últimas semanas o Concello botou en falta non dispor dun maior volume de voluntariado para dar resposta ás numerosas incidencias en viais públicos provocados polos recentes temporais, Justine, Filomena e Hortensia, que se traduciron en caídas de árbores e inundacións". 

Poza lembra que Vilaboa conta cunha importante dotación material para a atención destas pequenas incidencias: dous coches, unha motobomba, unha cisterna de desinfección e un remolque facilitan o traballo dos voluntarios. Pero, pola contra, faltan mans. E no momento actual "a cidadanía precisa que se desinfecte de xeito periódico parques, viais e zonas comúns", indica o Concello.

Así, a entidade municipal recurre con frecuencia a Protección Civil de Soutomaior para actuacións puntuais, pero non renuncia a ter unha agrupación ben organizada. De feito, a pesar de que o chamamento a participar se ten realizado en outras ocasións, nesta, o alcalde pensa que a cidadanía responderá con máis énfase, ao ser cada vez máis conscientes da importancia que o voluntariado de Protección Civil ten no contexto social e sanitario actual.

Comentarios