Vilaboa ratifica un pacto de Goberno no que manterá dúas dedicacións

O BNG ostentará a única tenencia de Alcaldía e áreas de Servizos e Obras, Promoción Economíca e Cultura, Mocidade e Normalización

Los miembros dle PSdeG y del BNG en el acto de acuerdo
photo_camera Os membros dle PSDEG e do BNG no acto de acordo.DP

O Concello de Vilaboa revalida, por terceira vez consecutiva o seu Goberno bipartito de esquerdas, tras un mes e medio de negociacións entre as dúas formacións que o integran: o PSDEG, con seis representantes, e o BNG, con outros tres.

O pacto de Goberno asinouse o luns pola noite na sala de Plenos do Consistorio nun acto ao que acudiron case todos os integrantes das dúas formacións e porase en marcha de inmediato, coa convocatoria do Pleno de Organización, que se celebrará este venres ás 20.30 horas.

Na súa estrutura, o Goberno bipartito será moi similar ao que veu funcionando nos últimos oito anos, cun liberado por cada un dos dous partidos integrantes, e un número de concellarías adaptado á cantidade de edís de cada formación.

A Alcaldía, de Francisco Costa, contará coa dedicación exclusiva completa retribuída cunha cifra inferior aos 2.500 euros brutos ao mes (en consonancia co seu soldo actual, como produtor de TVE en Galicia), mentres que a única tenente de alcalde contará con media dedicación que se retribuirá nos mesmos termos que na etapa anterior. é dicir, uns 1.250 euros brutos ao mes.

Ambas as cantidades están suxeitas á súa aprobación nos presupostos pertinentes, pero o orzamento conta con cantidades suficientes consignadas para manter estas retribucións ata final de ano e permitir preparar o seguinte orzamento de face a 2020.

Outra das novidades é que a acción do Goberno estará fiscalizada por unha Comisión de Seguemento do Pacto, pensada para "para interpretar aqueles aspectos nos que sexa preciso e resolver as diferenzas que poidan aparecer tanto na acción de Goberno como entre vos dous grupos", apuntan as formacións no texto común do pacto.

En canto ás concellarías, o alcalde asumirá a área de Medio Ambiente e Crecemento Sostible, na que traballara xa no anterior mandato, mentres que o concelleiro José Manuel Piñeiro asumirá Facenda, Urbanismo e Infraestruturas. María Canosa farase cargo de Servizos Sociais e Emigración; María Dores Cerqueiro será responsable de Educación e Novas Tecnoloxías e Brais Sánchez fará fronte á área de Turismo e Deportes. O departamento de Sanidade e Consumo será para a socialista Ángela Casal.

O BNG apostou polos espazos nos que gañou experiencia nos últimos anos e manterá tamén aos e a cabeza visible en cada área. Ornela Fernández, deste xeito, asumirá Promoción Económica e Sectores Produtivos, mentres que Cándido Rosendo repetirá á fronte de Servizos e Obras e Carlos Acuña ostentará Cultura, Mocidade e Normalización Lingüística.

A Xunta de Goberno Local será o principal órgano de funcionamento do concello e a este órgano só remitiranse asuntos que sexan analizados ou dirimidos antes polas dúas formacións, en aras de acordar unha postura común e actuar como "un Goberno único e sólido". Isto farase na Comisión de Coordinación Municipal, un órgano que se reunirá quincenalmente.

Comentarios