Viraxe de timón no Curtas Armadiña para centrarse na creación audiovisual galega

O xurado terá que seleccionar aos premiados entre 21 pezas que se visionarán a fin de semana do 15 ao 17 de novembro
Tamara de Andrés, Marco Otero, Raquel Rodríguez e Adrián Porima. GONZALO GARCÍA
photo_camera Tamara de Andrés, Marco Otero, Raquel Rodríguez e Adrián Porima. GONZALO GARCÍA

Programación Curtas Armadiña 2019Máis de sesenta curtametraxes presentáronse este ano á primeira selección do Festival de Curtas Armadiña, cuxo xurado terá que seleccionar aos premiados entre 21 pezas que se visionarán a fin de semana do 15 ao 17 de novembro, datas nas que tamén se coñecerá o mellor videoclip dos dez escollidos entre as máis de 20 pezas presentadas.

A principal novidade do Armadiña deste ano é a decisión de cinguirse só a creacións galegas. Os organizadores destacaron "a grande calidade das obras que se visionarán", que tiñan que cumprir a condición de ser producidas en Galicia, ou por directores galegos, ou ben estar en lingua galega.

O xurado deste ano estará integrado pola directora e actriz Mariana Carballal, a actriz Belén Consntenla, o director Fon Cortizo, o actor Xosé Manuel Esperante e a produtora Romina Doce.

As curtas optan a gañar a Áncora de Ouro (1.000 euros e trofeo) e a Áncora á Mellor Curta Animada (500 euros e trofeo). O público votará a Áncora de Prata (500 euros e trofeo) e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), colaborará co Premio á Mellor Dirección.

Comentarios