A Xunta avanza o inicio das expropiacións para a senda da PO-308 Fontenla-Combarro

O director da AXI ve necesario que o Concello estude a renovación dos servizos municipais do seu interese
Francisco Menéndez. DP
photo_camera Francisco Menéndez. DP

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, avanzou onte a aprobación nas próximas semanas do proxecto de mellora de seguridade viaria e construción dunha senda no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro. Neste sentido, prevese o inicio das expropiacións, que serán elevadas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Francisco Menéndez explicou que a actuación neste treito seguirá o mesmo procedemento que no caso do treito Covelo-Raxó, no que ademais de executar unha senda, actuouse para reforzar a seguridade viaria ao situarse na zona un treito identificado como de concentración de accidentes.

O director da AXI sinalou que, para poder executar estas actuacións, o Concello de Poio "debería de estudar, se fose do seu interese, a renovación de servizos municipais". Isto, asegurou, é preciso "para que os problemas de xestión dos mesmos por parte do Concello non incidan na execución das obras, como de feito sucedeu no treito entre O Covelo e Raxó, xa rematado". 

Esta actuación entre Fontenla e Combarro completarase coa intervención noutro treito na PO-308 en Poio. Menéndez engadiu que o proxecto das sendas entre Combarro, Chancelas e Samieira, entre os puntos quilométricos 5+680 e 8+200, será sometido neste ano a un segundo proceso de información pública, unha vez mellorado como consecuencia das alegacións recibidas na primeira fase de exposición. Neste sentido, avanzou que ese novo proceso de información pública realizarase ao longo deste ano para, a continuación, poder licitar a execución das obras.

Menéndez destacou tamén que estas actuacións en Poio teñen como obxectivo "acadar o calmado do tráfico mediante a construción de glorietas e a prohibición de xiros á esquerda, minimizando as afeccións e conseguindo unha importante mellora da seguridade viaria". Neste sentido, defendeu, "as actuacións executadas pola Xunta están a permitir unha transformación histórica ao longo de toda a lonxitude desta estrada, tanto no municipio de Poio como no de Sanxenxo". 

Finalmente, apuntou que a responsabilidade dunha vía alternativa que facilite a convivencia dos veciños de Poio é "fundamentalmente un problema municipal, de xestión urbanística", polo que, segundo Menéndez, "debe ser o Concello o que propoña o trazado dunha variante que capte tráfico da PO-308 que sexa social, ambiental e financeiramente viable", afirmou.

Comentarios