A Xunta finaliza a nova senda entre a estrada de Portosanto e o enlace á AP-9

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu máis de 48.000 euros nesta actuación
A nova senda da PO-309 ao seu paso por Poio. CEDIDA
photo_camera A nova senda da PO-309 ao seu paso por Poio. CEDIDA

A Xunta de Galicia vén de rematar a execución da nova senda na estrada PO-309 ao seu paso polo concello de Poio, entre Portosanto e o enlace á autoestrada AP-9, unha actuación coa que pretende "mellorar a mobilidade dos veciños e a seguridade viaria".

A obra foi impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en atención á demanda da veciñanza de reforzar a seguridade na vía, e supón un investimento de máis de 48.000 euros.

A nova senda conta cunha lon-xitude de arredor de 400 metros, e permite conectar a Avenida Peirao Besada coas vías locais Avenida Colón, Camiño das Bocas e Camiño Pateira, favorecendo a conexión de servizos e equipamentos como a escola infantil, o Museo Colón ou as instalacións deportivas, segundo explicou a Xunta mediante un comunicado.

A actuación na PO-309 ao seu paso por Poio centrouse exclusivamente na "mellora de seguridade relativa aos movementos de peóns que cruzan este tramo de estrada". Neste sentido, a intervención levada a cabo pola Xunta incluíu un total de tres accións, nas que se enmarca a mellora da iluminación na estrada, coa instalación de 14 novas luminarias, a protección dos pasos de peóns e a extensión nunha das beiravías dun microaglomerado pintado para as persoas que percorran lonxitudinalmente a estrada.

A mellora da situación dos peóns que transitan as inmediacións da estrada PO-309 ao seu paso por Poio derívase do Plan de sendas de Galicia, que se está a levar a cabo na comarca. Este plan atópase enmarcado dentro do programa operativo FEDER entre 2019 e 2020.

Comentarios