A Xunta liberará en 2018 os primeiros 600.000 euros para a residencia de Cerdedo

Emprazaráse nun par de parcelas que xa son de titularidade pública e permitirá atender a 48 usuarios e a outros 30 no Centro de Día

Participantes en la firma del convenio, en las instalaciones de la Xunta. DP
photo_camera Participantes na firma do convenio, nas instalacións da Xunta. DP

CERDEDO-COTOBADE. A Xunta de Galicia investirá 1,7 millóns de euros no trienio entre o actual exercicio e o de 2020 para a construción dunha nova residencia pública para persoas maiores no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

O vicepresidente autonómico e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, acudiu o xoves á firma do convenio de colaboración entre o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Xunta Xestora de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela López. Segundo este acordo, a Xunta financiará a execución deste novo equipamento, dentro da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

A intervención permitirá facer un edificio anexo ao actual inmoble, que comparten o fogar residencial e o centro de día. O novo edificio pasará a ser a residencia, na que, no canto de 18 prazas, haberá 48. Con esta nova dotación, o actual edificio quedará reservado en exclusiva para usos de centro de día, con 30 prazas. O investimento total prevista nesta intervención divídese en tres anualidades: 600.000 euros en 2018, outros 600.000 en 2019 e 500.000 en 2020.

O orzamento de licitación ascende a 1,5 millóns de euros, reservándose o resto do investimento previsto para a dirección de obra e o equipamento.

En canto ao emprazamento, o concello fusionado puxo unha parcela a disposición do Consorcio, mentres que a entidade pública xa dispuña doutra.

O titular de Política Social, Rey Varela, destacou que esta actuación «é unha das máis importantes das que ten proxectadas o Consorcio para os vindeiros anos no que atinxe a centros de maiores».

Comentarios