A Xunta licita a redacción do proxecto do novo bombeo e depósito da Seca

A actuación inclúe a mellora da estación de bombeo de augas residuais de Porto Campelo
Peirao de Campelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O peirao de Campelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Plan de saneamento da ría que promove a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, contempla dúas actuacións en Poio. O departamento que dirixe Éthel Vázquez vén de licitar a redacción do proxecto construtivo do novo bombeo e depósito de retención da Seca e da mellora da estación de bombeo de augas residuais de Porto Campelo, neste municipio.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolleu onte a licitación destes traballos por un importe de máis de 141.000 euros. As empresas interesadas na redacción destes proxectos teñen de prazo ata o día 11 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución do contrato é de seis meses.

Esta actuación enmárcase no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, no que se identificaron novas actuacións prioritarias que impulsará a Xunta para avanzar no saneamento desta ría. En total, trátase de 10 actuacións: estas dúas en Poio, seis en Pontevedra e outras dúas en Marín.

ACTUACIÓNS. O obxectivo deste contrato é o desenvolvemento das actuacións propostas no Plan de saneamento local elaborado pola Xunta e permitirán a realización do estudo de alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo dun tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo da Seca actual, que permita regular o caudal enviado cara á estación de bombeo de augas Residuais de Porto Campelo, así como mellorar as instalacións deste último.

Para intentar resolver a problemática nas zonas que atinxen a este servizo, o Plan concreta as actuacións propostas para un novo bombeo e depósito de retención da Seca e novo bombeo de Porto Campelo, que suporán un investimento de máis de 3 millóns de euros.

Na actualidade, o bombeo da Seca recibe as augas residuais dunha gran extensión da rede de saneamento do municipio de Poio, que en tempo de choiva non ten capacidade suficiente para bombear todo o caudal que recibe polo que se producen alivios ao medio.

A proposta a desenvolver neste contrato consiste na execución dun depósito de retención cunha capacidade útil de 500 m3, previo ao bombeo, que permitirá laminar os caudais punta que recibe o bombeo da Seca, reducindo o volume de alivios. Ademais, proponse a rehabilitación ou renovación do bombeo existente.

No caso do actual bombeo de Porto Campelo, situado nas inmediacións do porto do mesmo nome, recibe augas residuais dunha porcentaxe alta da rede de saneamento de Poio e bombéaas ata o do Miradoiro, nas inmediacións da praia de Lourido. O bombeo alivia na rede de pluviais, que á súa vez descarga directamente no porto de Campelo. Neste caso, a proposta prevista no Plan de saneamento local consiste na realización dun novo bombeo cunha capacidade equivalente á actual ou a mellora do existente.

A proposta consiste na execución dun depósito de retención cunha capacidade útil de 500 m3, previo ao bombeo

OS TRABALLOS. Os traballos que deberá realizar o adxudicatario do contrato incluirán a análise da problemática e a obtención dos datos previos necesarios, así coma o estudo das diferentes alternativas existentes e selección da alternativa máis axeitada.

O seguinte paso correspóndese coa redacción do anteproxecto, como documento previo á redacción do proxecto construtivo.

O Plan de saneamento local da ría de Pontevedra contén un programa de actuacións cun investimento total de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder. Neste momento hai traballos xa en marcha por 32 millóns e as 10 novas actuacións previstas pola Xunta.

Comentarios