A Xunta reforzará a seguridade en Chancelas cun paso de peóns e un semáforo

A Axencia Galega de Infraestruturas prevé que estas obras, demandadas pola veciñanza, poderanse acometer no mes de marzo
Puntos nos que se localizarán as actuacións. AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUCTURAS - Chancelas
photo_camera Puntos nos que se localizarán as actuacións. AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUCTURAS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade instalará un paso de peóns con semáforo na estrada autonómica PO-308 en Chancelas (Poio), atendendo á demanda da veciñanza desta zona, que vén de solicitar varias actuacións, entre as que se atopan lombos e sinais luminosas nos pasos de peóns para o tramo que vai dende San Xoán, ademais de semáforos con pulsadores.

Para responder á súa petición, dende a Axencia Galega de Infraestruturas explican que os técnicos analizaron varias alternativas de actuación e decidiron acometer "a que permite garantir en mellores condicións a seguridade dos usuarios". Así, aínda que inicialmente se preveu dispor de sinalización vertical de advertencia da presenza do peóns con reforzo luminoso, deixando para a execución da senda a habilitación do paso de peóns, finalmente "adoptouse a decisión de anticipar a instalación dun semáforo con pulsador para regular os cruzamentos".

A actuación prevista consiste na instalación dun semáforo con pulsador detrás da parada de autobús para que os cruzamentos se fagan con seguridade, e na habilitación dun pequeno refuxio para situar o semáforo e para a espera dos cidadáns.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo nas vindeiras semanas os trámites para a contratación das obras, que prevé que se poidan acometer no mes de marzo. Esta será unha actuación inmediata "en atención ás demandas dos veciños que se complementará posteriormente coas obras de mellora de seguridade viaria recollidas no proxecto de senda entre Combarro, Chancelas e Samieira", segundo explicaron dende a Axencia.

A Asociación Veciñal de Combarro fixo público este fin de semana un comunicado coa lista de propostas decididas pola súa asamblea, entre as que destacaba, ademais da petición de lombos e semáforos, a idea de aproveitar a franxa de terreos do dominio de Costas e de Estradas (entre a PO-308 e o mar) en A Pinela, para resolver parte dos problemas de aparcamento en Combarro pola afluencia de visitantes.

Comentarios