Catro investigados por tráfico de drogas ao achar tres plantacións de marihuana en Arbo

Os axentes deron con 44 plantas de gran tamaño e outros dous cultivos de menor tamaño
Plantación de marihuana desmantelada en Arbo.GC
photo_camera Plantación de marihuana desmantelada en Arbo.GC

A Garda Civil descubriu tres plantacións ilegais de marihuana en Arbo polas que investigou penalmente a catro veciños do municipio como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

As investigacións levaron a que os axentes se incautasen de algo máis de medio centenar de plantas. En concreto, localizaron unha plantación nun terreo contiguo a unha vivenda da parroquia de Cequeliños e, ao inspeccionar a leira, acharon 44 plantas de gran tamaño nunha zona preparada para o seu cultivo e tapadas con teas de ocultación.

Nese mesmo terreo os axentes atoparon a infraestrutura dunha plantación no interior nun galpón próximo tamén á vivenda. Aos dous responsables da plantación notificóuselles que se lles considera os presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Ademais, a Garda Civil localizou outras dúas plantacións de menor entidade na mesma parroquia, nunha das cales había 16 plantas e na outra, seis. Notificouse ás dúas persoas responsables a súa condición de investigadas por senllos delitos de tráfico de drogas.

As dilixencias instruídas, os efectos intervidos e as plantas incautadas foron postas a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Ponteareas, no que deberán comparecer os investigados cando sexan chamados.

Comentarios