As adegas da D.O. Rías Baixas crean unha plataforma para vender viño a domicilio

Os clientes poderán recibir os pedidos nas súas casas directamente desde o produtor

Imagen promocional de la plataforma. DO RÍAS BAIXAS
photo_camera Imaxe promocional da campaña. DO RÍAS BAIXAS

Máis de oitenta adegas da denominación de orixe Rías Baixas sumáronse ao proxecto impulsado polo seu consello regulador para crear unha plataforma que lles permita vender viño de xeito directo e que os consumidores reciban o seu pedido en casa.

A través da páxina web da D.O. Rías Baixaso proxecto ofrece a posibilidade aos clientes de contactar directamente coa adega, teñan ou non plataforma en liña, vía telefónica ou por correo electrónico para adquirir aquelas marcas de viño que desexen.

Esta iniciativa, destacan desde o consello regulador da denominación pontevedresa, xorde da necesidade de "visibilizar" o traballo das adegas, de forma que o consumidor poida "acceder á súa marca preferida e que non atopa no seu establecemento de referencia".

"Descubrir, gozar, compartir e apoiar" é a lema desta iniciativa que, ademais, promocionarase a través das redes sociais coa etiqueta #RíasBaixasEnCasa.

Rías Baixas entende que este tipo de plataformas contribuirá a aumentar as vendas de viño que, desde que se decretou o estado de alarma, "crece nos fogares e están paralizadas no sector hostaleiro".

No caso desta dominación, 62 das 184 adegas adscritas venden o seu viño a través das canles de alimentación, mentres que o 54% restante, a través da canle de hoteis e restauración e que, de momento, permanece pechado.

Comentarios