A alcaldesa do Porriño aparta do goberno a dous edís por ineficacia "e deslealdade"

A socialista gobernará con catro dos 17 concelleiros da corporación

Eva García de la Torre, alcaldesa de O Porriño. ADP
photo_camera Eva García da Torre, alcaldesa do Porriño. DP

O goberno en minoría do Porriño, presidido pola socialista Eva García de la Torre, será aínda máis minoritario a partir deste martes, xa que a rexedora asinou o decreto de cesamento dos concelleiros de Unión Democrática da Louriña-UDDL, que eran os seus socios ata agora. 

Segundo confirmou a través dun comunicado, a alcaldesa viuse "forzada" a apartar dos seus cargos ao concelleiro Manuel Carreira (ata agora tenente de alcalde, e responsable de Vías e Obras, e Deportes) e a Marcelino Coto (ata agora edil de Urbanismo, Industria, Comercio e Medio Ambiente) pola "súa ineficacia e deslealdade". 

Así, a pouco máis de catro meses das próximas eleccións municipais, O Porriño contará cun goberno local de catro concelleiros dos 17 que conforman a Corporación. 

Eva García de la Torre, que asume agora as áreas dos edís cesados, recordou que outorgou a estes dous concelleiros máis responsabilidades das pactadas cando se asinou o acordo de goberno con UDDL, e deulles "total independencia e confianza" para xestionar as súas respectivas concellarías. 

Con todo, explicou a rexedora, o interese dos dous edís cesados centrouse desde hai tempo "só nos grandes proxectos e non no día a día, que é esencial para os cidadáns". A ese respecto, asegurou que son os propios veciños os que lle transmitiron o seu "descontento" coa ineficacia de Carreira e Coto na xestión dos problemas que lles afectan.

"UN GOLPE NA MESA". "Ante estes feitos non queda outra saída que dar un golpe na mesa e cumprir coa miña obrigación, que é a da solucionar eses problemas", proclamou García da Torre, quen garantiu que dará "resposta" ás demandas dos veciños "nas cousas grandes e pequenas", e asegurou que o Concello do Porriño ten "un equipo solvente e persoal técnico e funcionarios moi cualificados para afrontar ese traballo". 

Ademais da ineficaz xestión, a alcaldesa criticou tamén a "deslealdade" dos concelleiros cesados por pretender que ela mesma tivese que asumir a súa falta de eficacia, e polos seus "ofrecementos reiterados ao PP, ben sexa para integrarse nas súas candidaturas ou para sumarse a unha moción de censura". 

Eva García de la Torre foi investida alcaldesa do Porriño logo das eleccións de 2015, cos votos favorables do PSOE, o BNG, UDDL e EU-SON. No entanto, só o grupo de Manuel Carreira (exconcejales do PP) chegou a un acordo para asociarse coa socialista, que presidiu un exiguo goberno de seis edís ata agora. 

Comentarios