A alerta amarela nas Rías Baixas escorrenta as visitas ás praias

As temperaturas ascenderon onte ata os 32 graos, pero hoxe non superarán os 22
undefined
photo_camera Algúns veciños e turistas que se atreveron este sábado a ir á praia de Silgar, en Sanxenxo. J.L OUBIÑA

As Rías Baixas espertaron este sábado cun ceo completamente nubrado e cunha masa de aire moi cálido, a cal deixou temperaturas elevadas e sensación de bochorno ao longo de toda a xornada.

Na provincia de Pontevedra, os termómetros ascenderon ata os 32 graos. Con todo, a presenza de aire frío nas capas altas da atmosfera, xerou unha importante situación de inestabilidade.

Tal e como se alertou previamente co aviso de alerta amarela, os chuvascos tormentosos comezaron a aparecer a partir de media tarde e, en momentos puntuais, estes ían acompañados de saraiba. En canto ao vento, este soprou do nordeste e sen moita intensidade.

O tempo desapracible provocou un cambio radical na estampa que se podían apreciar nas praias de toda a provincia.

Mentres o venres, areais como Silgar, en Sanxenxo, estaban repletos de veciños e turistas gozando do bo tempo, na xornada deste sábado apenas se podían ver a unha decena de persoas paseando pola praia e meténdose na auga.

Onde se podía apreciar máis ambiente era nas terrazas e nos arredores do paseo. Polo menos ata que comezaron as precipitacións.

Inestabilidade atmosférica


A situación meteorolóxica de hoxe non distará moito da deste sábado. Os ceos estarán parcialmente cubertos, coa presenza de chuvascos.

O máis destacado é que as temperaturas sufrirán un notable descenso, con mínimas de ata 13 graos e máximas de 22 (dez graos menos que este sábado). Os ventos soprarán frouxos, de suroeste pola mañá, e de noroeste pola tarde.

Comentarios