Ana Pastor fala de feminismo en Redondela: "Ninguén vai falar nunca por min como muller"

A popular declara que sente máis feminista "cada ano que pasa" e matiza as palabras de Suárez Illana sobre o aborto

Ana Pastor, en un acto celebrado en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Ana Pastor, nun acto celebrado en Pontevedra. DAVID FREIRE

A presidenta do Congreso e cabeza de lista do PP por Pontevedra ás eleccións do 28-A, Ana Pastor, defendeu este venres que se considera "feminista" e "cada ano que pasa máis" e advertiu de que a igualdade non é un tema de partidos e de que "ninguén vai falar nunca" por ela como muller. 

Pastor participou na mañá deste venres nun acto do PP en Redondela, no que foi preguntada sobre a súa postura sobre o feminismo e as polémicas declaracións do número dous do PP por Madrid, Adolfo Suárez Illana, sobre o aborto.

"Sobre as declaracións creo que (Suárez Illana) xa rectificou e pediu desculpas. Eu, xa saben onde estou e onde me van a atopar sempre", sinalou Pastor, que insistiu en que non quere que ninguén fale por ela como muller.

"É un tema que vai máis aló dos partidos. Eu pertenzo a un partido pero ninguén vai falar nunca por min como muller, nin os homes nin as mulleres, falarei e defendereime eu. E identifícome creo que practicamente con todas as mulleres", remarcou.

Previamente, Pastor destacou que o xoves participou en Asturias en varios actos en defensa das mulleres e apuntou que "parece mentira" que no século XXI o paro feminino aínda sexa máis alto que o masculino, que as mulleres cobren de media un 14 % menos polo mesmo traballo que un home e que haxa mulleres "que morren por causa da violencia machista". 

"Hai aínda estereotipos na sociedade inasumibles e impresentables e é o que teño que dicir", concluíu.

Comentarios